Cangas de Foz celebrará en agosto a súa XII Feira de Gando cun amplo programa de actividades para toda a familia

Foz
AMariñaXa
O evento reunirá exposición de gando, mercado tradicional, obradoiros, paseos a cabalo, carreiras de andadura e probas ecuestres con premios económicos na área recreativa de Os Castros
feira-gando-foz-2026
2 Aug 2026

A parroquia de Cangas, no concello de Foz, converterase o vindeiro domingo 16 de agosto no punto de encontro para afeccionados ao mundo ecuestre e ao rural coa celebración da XII Feira de Gando Cangas de Foz 2026, unha cita que volverá desenvolverse na área recreativa de Os Castros cunha programación pensada para todos os públicos.

Ao longo de toda a mañá, os asistentes poderán desfrutar da feira de gando, paseos a cabalo gratuítos, un mercado tradicional, obradoiros de artesanía, animación musical, degustación de polbo e diferentes sorteos, nunha xornada que busca poñer en valor as tradicións ligadas ao sector gandeiro e fomentar a convivencia entre veciños e visitantes.

Un dos momentos máis esperados chegará ás 16.00 horas, cando darán comezo as carreiras de andadura. O programa deportivo incluirá probas de serrada e chapeada na categoría de parellas, ademais dunha competición Sub-16, na modalidade dun contra un. Os mellores clasificados optarán a premios económicos, trofeos e diverso material ecuestre, segundo a categoría.

A organización lembra que será obrigatorio que todos os participantes conten co correspondente seguro de responsabilidade civil, documentación REGA e microchip dos cabalos. Así mesmo, recalca que calquera conduta que supoña malos tratos aos animais implicará a inmediata descalificación, ao tempo que será obrigatorio o uso de casco durante as competicións.

As medicións das probas realizaranse a partir das 10.30 horas, mentres que as inscricións abriranse o domingo 2 de agosto, podendo formalizarse a través dos teléfonos facilitados pola organización.

0.12679386138916