Cando sopra A Rebolaxe, a música tradicional cobra vida

AMariñaXa
A asociación mantén viva a música tradicional galega a través da gaita, a percusión e o canto, expandindo a súa paixón por toda a Mariña
Cervo-A-Rebolaxe
6 Apr 2025

Por Ana Somoza

En San Cibrao a música tradicional galega resoa con forza grazas a A Rebolaxe, unha asociación cultural que leva anos dedicándose á difusión da nosa identidade musical. O seu presidente e fundador, Ricardo García, cóntanos a historia desta agrupación, que pasou de ser unhas simples clases para adultos a converterse nun referente dos cantos de taberna e da música popular. “A Rebolaxe comezou sendo unhas clases de música tradicional para xente adulta”, explica García, pero axiña medrou: “Comezou a vir cada vez máis xente e decidiuse montar unha asociación centrada tanto na gaita, como na percusión, como no canto, pero sempre co fin de gozar da música tradicional”.

A música de A Rebolaxe é unha mestura de gaitas, percusión e voces que busca transmitir a esencia da cultura galega. Con pezas populares e arranxos propios, o grupo logra que antigas melodías recuperen o seu brillo, chegando ao corazón da súa audiencia. “O noso estilo tentamos enfocalo máis nas pezas vocais e nas tradicionais, pero sempre destacando a voz”, explica o fundador. Teñen influencias dos coros históricos e tamén de grupos como Treixadura, tanto á hora de interpretar temas como de arranxalos.

NOME CON HISTORIA. O nome da asociación tamén ten unha historia especial. Segundo nos conta García, a idea foi dun dos seus membros máis queridos, Babi, que tristemente xa non está con eles. “Cando vén o vento da rebolaxe significa que vén de distintos lugares, e no noso caso tiñamos e temos xente de Viveiro ou de Ourol, é dicir, o son da gaita vén de diferentes lugares da Mariña”.

Ese espírito de unión e diversidade segue presente no grupo, que integra músicos de distintas localidades, todos coa mesma paixón pola música. García leva anos dedicado á música tradicional, primeiro como afeccionado e logo de maneira profesional. “Comezou como unha afección pero despois xa me dediquei a elo profesionalmente, sendo mestre de música tradicional desde moi novo”, lembra. Desde os 17 anos estivo impartindo clases de gaita en diversas agrupacións como Arume de Burela ou Os Buxos Verdes de Vilalba, ademais de traballar en escolas de música de Arteixo e Santiago.

TRAXECTORIA. Ao longo da súa traxectoria, A Rebolaxe percorreu escenarios por toda Galicia e mesmo fora dela. “A verdade é que si, participamos en moitos eventos. Xa non só en Galicia, senón en Madrid estivemos nun encontro de gaitas e íamos como representantes de Galicia”, explica García. Ademais, a agrupación fixo do canto de taberna un dos seus sinais de identidade, converténdose en habituais de foliadas e seráns.

A súa presenza en eventos de música tradicional é constante. Entre as foliadas máis destacadas nas que participaron atópanse a famosa Foliada da Fonsagrada e a de Melide, onde non só fixeron gozar ao público coa súa música, senón que ademais foron premiados. En Melide, por exemplo, acadaron o terceiro premio nos Cantos de Taberna no ano 2019 e, de novo, repetiron ese logro no 2024. “Lembro con moito agarimo cando tocamos con Carlos Núñez en Mondoñedo, na Catedral”, destaca Ricardo García ao falar dos momentos máis especiais do grupo.

Os premios son unha motivación, pero non o obxectivo principal da asociación. “Fixonos bastante ilusión, aínda que como somos xente adulta non necesitamos recoñecementos, pero sempre é moi fermoso que valoren o teu traballo”, comenta García. Máis aló dos galardóns, o verdadeiro propósito do grupo é pasalo ben, compartir a súa paixón coa xente e contribuír á conservación da música galega.

FOLIADA NORDESTÍA. A Rebolaxe non só participa en festivais, senón que tamén organiza o seu propio evento: a Foliada Nordestía, unha cita que se consolidou como unha das máis importantes da Mariña. O vindeiro 12 de abril celebrarase a novena edición, unha xornada repleta de música, baile e actividades para todas as idades. Segundo García, un dos puntos fortes da foliada son os Cantos de Taberna, nos que o ano pasado participaron 14 grupos. Este ano agardan unha cifra semellante. Outro dos momentos máis esperados é o xantar popular de confraternización, onde o ambiente festivo e a música están sempre presentes. No 2023 reuníronse 150 músicos e 300 persoas no xantar, e este ano espérase unha participación similar. “Pode anotarse todo o que queira”, destaca García, convidando a todo o mundo a achegarse. A Foliada inclúe tamén diversos obradoiros para nenos e adultos, que permiten que a música e a cultura tradicional sigan transmitíndose de xeración en xeración. Pola noite, chegarán os concertos, coa participación de grupos recoñecidos como Tumba e Dalle, un conxunto mariñao que levaban tempo querendo traer, Xisco Feijoo e Quinteto, unha das formacións máis destacadas da escena actual, e A Requinta da Laxeira, que volven a San Cibrao tras unha actuación memorable en 2016. “Este grupo baséase no instrumento da requinta, parecido a unha frauta traveseira pero de madeira, e son moi divertidos”, comenta García.

FUTURO PROMETEDOR. Ricardo García está convencido de que a música tradicional galega vive un momento excelente. “Agora mesmo está nun punto fabuloso, pois penso que desde que levo tocando aló polo ano 1989, é o mellor momento no sentido de que hai moita xente implicada”, afirma. Destaca especialmente o auxe do baile tradicional, que nos últimos anos gañou moitos seguidores. “Cada vez vense máis bailadores, pandeireteiros ou gaiteiros, ou xente que se interesa pola música tradicional aos que lles presta moito e acoden moito máis aos eventos”.

En canto aos proxectos de futuro de A Rebolaxe, teñen en mente unha viaxe internacional a Stuttgart, seguir participando en concursos como o de Melide e, quen sabe, quizais conseguir o primeiro premio. Tamén queren dar maior recoñecemento á Foliada Nordestía e continuar medrando como grupo, incorporando novos instrumentos como a zanfona, as cunchas, os pandeiros e as pandeiras.

APOIO. A asociación mantense grazas ás cotas dos socios e ás actuacións, pero tamén recibe axuda do Concello e da Deputación para a organización da Foliada Nordestía. “A verdade é que non temos queixa, pois é un gran apoio”, recoñece García. A pesar diso, hai necesidades que aínda están por cubrir, como a dispoñibilidade dun local propio. “Sería bo ter un local para a asociación, para poder ensaiar ou gardar o material, pero en Cervo somos moitísimas asociacións e é bastante complicado por iso. Case hai máis asociacións que xente!”, comenta con humor. Polo momento, os ensaios lévanse a cabo no auditorio e o material gárdase nun local privado. A Rebolaxe segue avanzando con forza, converténdose nun referente da música tradicional na Mariña Lucense.

O seu traballo é unha mostra de que a cultura galega segue viva, evolucionando sen perder a súa esencia. A través das súas interpretacións, logran conectar xeracións e transmitir a maxia de Galicia a todos aqueles que escoitan as súas melodías. Con cada nota de gaita, cada golpe de percusión e cada verso entoado, manteñen viva unha tradición que forma parte da nosa identidade.

 

⚙ Configurar cookies
0.16608691215515