Camiñantes e Camiños organiza unha excursión aberta a San Andrés de Teixido o 22 de xuño

AMariñaXa
O grupo de sendeirismo de Barreiros anima a veciñanza da Mariña a unirse á viaxe, que inclúe paseo por Cariño, visita ao santuario e xantar conxunto
090125-Foto-Camiñantes-Barreiros
17 Jun 2025

A asociación cultural Camiñantes e Camiños de Barreiros está a preparar unha nova actividade que mestura natureza, espiritualidade e convivencia. Trátase dunha excursión a San Andrés de Teixido que terá lugar o vindeiro domingo, 22 de xuño, e para a que xa está aberto o prazo de inscrición. A proposta inclúe transporte en autobús, paseos guiados, visita ao santuario e un xantar colectivo para rematar a xornada.

O presidente do colectivo, José Manuel Gómez Puente, explicou que esta iniciativa xorde no marco das rutas que o grupo realiza anualmente polo Camiño de Santiago. “Este ano decidimos facer o Camiño do Mar, e coincidindo con que o 22 de xuño temos previsto o treito entre Cariño e San Andrés de Teixido, pensamos que sería bonito que se sumaran familiares e persoas doutros concellos”, comentou.

A idea é abrir a experiencia ao conxunto da veciñanza da Mariña, para que, aínda que non fagan a ruta a pé, poidan desfrutar da contorna e compartir a xornada co grupo de sendeiristas. “Imos poñer un segundo autobús que sairá ás 9 da mañá dende as proximidades do centro de saúde de Barreiros. Pararemos en Cariño para pasear pola zona marítima e logo iremos a San Andrés, onde nos xuntaremos coas persoas que fan o tramo a pé, que son 16 quilómetros”, sinalou Gómez Puente.

A excursión conta cun total de 45 prazas dispoñibles. As persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando ao número de teléfono 623 22 68 25. “Queremos que sexa un día para gozar da paisaxe, da compañía e do bo ambiente. Imos pasalo ben entre todas e todos, visitando Cariño, Cedeira, San Andrés de Teixido e incluso Valdoviño, onde temos previsto o xantar”, concluíu o presidente da asociación.

⚙ Configurar cookies
0.16349697113037