Camiñantes e Camiños de Barreiros remata o Camiño Francés cunha última etapa ata Santiago

AMariñaXa
A asociación realizará o percorrido o 24 de outubro tras completar oito etapas desde abril e ofrece a posibilidade de participar na viaxe, mesmo sen camiñar, para asistir á misa do peregrino na Catedral
ruta-Camiñantes-e-Camiños-de-Barreiros
15 Oct 2026

A Asociación Cultural de Sendeirismo Camiñantes e Camiños de Barreiros porá o broche final ao Camiño Francés o vindeiro 24 de outubro cunha última etapa ata Santiago de Compostela. O colectivo completará así un itinerario dividido en oito tramos e iniciado o pasado 18 de abril en Pedrafita do Cebreiro.

O percorrido final poderá realizarse entre Lavacolla e Santiago, cunha distancia de dez quilómetros, ou desde o Monte do Gozo ata a capital galega, nun tramo de catro quilómetros. Segundo explicou o presidente da asociación, José Manuel Gómez Puente, esta alternativa permite adaptar a actividade ás condicións físicas de cada participante.

A saída en autobús desde Barreiros está prevista para as 6.30 horas. O prezo da viaxe, que inclúe o transporte e a comida, será de 40 euros para os socios e de 45 euros para as persoas non asociadas. Ademais, quen queira sumarse á excursión sen realizar a ruta a pé tamén poderá facelo. Todos os participantes asistirán xuntos á misa do peregrino na Catedral de Santiago, ás 12.00 horas.

As persoas interesadas poden reservar praza mediante chamada ou WhatsApp no teléfono 623 22 68 25.

Gómez Puente valorou positivamente a experiencia deste 2026, na que o grupo percorreu o Camiño Francés desde Pedrafita do Cebreiro ata Compostela, compartindo experiencias e gozando da paisaxe e da compañía. O presidente tamén agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia, que facilitou gorras e camisetas para os integrantes da expedición.

0.15508198738098