Camiñantes e Camiños de Barreiros organiza a Ruta e Cocido
A asociación cultural de sendeirismo Camiñantes e Camiños de Barreiros organiza o vindeiro 12 de marzo un Domingo de Ruta e Cocido. Será por Negueira de Muñiz.
O presidente do colectivo, José Manuel Gómez Puente, explica que “sairemos ás oito da mañá de Barreiros, a carón do centro de saúde. Cando cheguemos a Negueira de Muñiz visitaremos a partir das dez da mañá o encoro e despois faremos unha pola zona ata o miradoiro que está situado na cola do encoro. E remataremos a xornada cun xantar no restaurante Vizcaín, alí en Negueira de Muñiz”.
Gómez Puente indica que “o menú consistirá en sopa, cocido tradicional, bodega, postre e café. O prezo para os socios será de 40 euros e para os non socios de 45 euros”.
E engade: “agardamos disfrutar dun bo domingo, en plena natureza na montaña de Lugo, e da boa gastronomía. Negueira de Muñiz é un paraíso natural e conta cunha gastronomía de sabor auténtico e cuns viños aromáticos de cepas ancestrais”.
Aquelas persoas que desexen participar nesta viaxe aínda poden anotarse chamando ao teléfono 623 226 825: “aínda quedan algunhas prazas libres no autobús”, sinala o presidente da asociación cultural de sendeirismo Camiñantes e Camiños, José Manuel Gómez Puente.