Cambio de titularidade dunha estrada provincial na Pontenova
O Consello da Xunta autorizou o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello da Pontenova da estrada provincial LU-P-4805 de Boulloso, por Dodrín, ata a Figueirúa.
O Concello da Pontenova solicitou á Deputación Provincial de Lugo a cesión da totalidade desta vía provincial de uso exclusivamente local, xa que comunica tres núcleos de poboación da parroquia de Conforto: Mamede, Dodrín e Figueirúa, coa estrada de titularidade autonómica LU-704 sen continuidade cara outros núcleos de poboación.
A Deputación dá a súa conformidade á transferencia da titularidade desta vía provincial, que comeza na estrada autonómica LU-704, en Boulloso, e conta cunha lonxitude de 5.567 metros.
A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.
Co cambio de titularidade aprobado hoxe polo Executivo autonómico, o Concello da Pontenova terá a competencia para actuar nesta vía e asume a súa xestión e conservación.
O cambio de titularidade será efectivo desde o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.
A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación no DOG mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre Concello e Deputación.
A partir da formalización da entrega, corresponderanlle ao Concello da Pontenova todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía.