Calabash regresa aos escenarios de Ribadeo oito anos despois cun concerto cargado de emocións

O grupo ribadense de percusión Calabash volverá subir aos escenarios oito anos despois da súa última actuación cun concerto moi especial que terá lugar o próximo venres 31 de xullo, ás 22:30 horas, no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo. A formación, vinculada á Escola Municipal de Música e Danza, recupera así un proxecto que marcou a moitas xeracións de músicos locais e que regresa con novas ilusións e co obxectivo de reencontrarse co público.
O responsable de Calabash e profesor da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, Marcos Rodríguez Rodríguez, explica que o grupo está formado por persoas que estudaron e estudan neste centro e que decidiron retomar a actividade despois dun longo período de parón. “Volvemos con moitísima ilusión e con moitas ganas de compartir outra vez a nosa música coa xente”, sinala.
O concerto terá un marcado carácter emotivo, xa que estará dedicado especialmente ás familias dos integrantes do grupo. Rodríguez destaca o papel fundamental dos pais e nais para que iniciativas deste tipo poidan saír adiante, polo apoio, a paciencia e o acompañamento constante durante anos de formación musical. Ademais, a actuación tamén terá un recordo especial para aquelas persoas que formaron parte da historia de Calabash e que xa non poden acompañalos fisicamente.
Unha das homenaxes máis significativas da noite estará dedicada a Hernán Naval, coincidindo co 25 aniversario do seu falecemento. Para Marcos Rodríguez, foi unha figura esencial na súa traxectoria musical e unha das persoas que contribuíu a sementar a idea que posteriormente daría lugar a Calabash. O profesor lembra os concertos realizados nas Catro Calles coa agrupación de percusión da Banda Municipal de Ribadeo, unha experiencia da que formou parte e que considera unha das raíces do proxecto actual.
“Se hoxe existe Calabash, unha parte importante débese á ilusión que Hernán soubo transmitirnos hai moitos anos”, explica Rodríguez, que quere converter esta actuación nunha mostra de agradecemento e cariño cara a quen considera o seu “pai musical”.
O responsable da formación tamén quere aclarar que Calabash non é unha batucada, senón un grupo de percusión melódica, no que os instrumentos teñen un papel protagonista na interpretación musical. Marimbas, vibráfonos e xilófonos forman parte dunha proposta que percorre estilos moi diferentes, desde o rock e o soul ata o funk ou o pop latino.
O repertorio preparado para o regreso aos escenarios incluirá temas variados e tamén algunhas cancións xa coñecidas polo público, como Oye como va ou Lambada. Ademais, a actuación contará con colaboracións especiais e algunha sorpresa que a organización prefire manter en segredo ata o momento do concerto.
A cita terá tamén un valor simbólico pola presenza de integrantes pertencentes ás cinco xeracións que formaron parte da historia de Calabash. “Non están todos os que son, pero si son todos os que están”, resume Rodríguez, quen destaca a emoción de volver reunir a antigos compañeiros e alumnos arredor da música.
O concerto será tamén o inicio dunha celebración persoal para Marcos Rodríguez, que o próximo curso cumprirá 30 anos como profesor da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo. Ao longo desta etapa acompañou a centos de alumnos e alumnas na súa formación musical e asegura que unha das maiores satisfaccións da profesión foi comprobar como moitos deles acabaron converténdose tamén en amigos.
“Compartir agora escenario con eles é un dos maiores orgullos que me deu esta profesión”, afirma.
Desde Calabash convidan á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse ao Auditorio Hernán Naval para desfrutar dunha noite especial de música e reencontros. “Será un auténtico pracer compartir con todos vós a volta aos escenarios de Calabash”, conclúe Marcos Rodríguez.