Cajoto Caserío destacou a importancia da Festa da Faba de Lourenzá

AMariñaXa
A programación da cita conta con numerosas actividades, degustacións e actuacións musicais e culminará cun festival folclórico
Festa-da-Faba-de-Lourenzá
5 Oct 2024

O deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto, asistiu xunto á alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, ao pregón da trixésimo segunda edición da Festa da Faba, que correu a cargo da mestra xubilada laurentina, Amanda Gasalla.

Esta cita gastronómica exalta, durante toda a fin de semana, este produto estrela a través dun amplo e variado programa de actividades dirixido a todas as idades que culminará este domingo cun festival folclórico.

Cajoto Caserío destacou a importancia desta celebración, subliñando a colaboración da institución provincial, que achega 14.000 euros a través do Plan Deputación.

“A faba de Lourenzá é un símbolo da gastronomía galega, presente nos pratos máis exquisitos do país, e representa o esforzo dos nosos fabeiros e fabeiras”.

Ademais, subliñou que "este produto é cada vez máis recoñecido tanto dentro como fóra das nosas fronteiras, e a mellor proba do seu poder de convocatoria témola hoxe aquí, coa vila chea de visitantes e o que isto supón durante toda a fin de semana para a hostalería que servirá tapas a base deste emblemático produto".

A programación xa arrancou no claustro do mosteiro cunha cata comentada de viño e a animación das orquestras Montreal e Dj Cosme.

A xornada deste sábado deu comezo coa apertura das casetas dos fabeiros, na Praza do Conde Santo, e mañá domingo está previsto a súa apertura despois do mercado da faba ao por maior que arrancará as oito e media da mañá.

A programación da cita conta con numerosas actividades, degustacións e actuacións musicais e culminará cun festival folclórico.

Ademais, durante toda a fin de semana, funcionará un tren turístico para que os visitantes poidan percorrer a Ruta das Fabas e coñecer de primeira man o cultivo deste emblemático produto.

0.13460898399353