Cabaleiros da Bidueira organiza a segunda Carreira de Andadura en Cervo
O Concello de Cervo será o escenario da II Carreira de Andadura, que se celebrará o sábado 7 de setembro na recentemente inaugurada pista ecuestre da Bidueira. A competición foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, o edil de Zona Rural, Adrián Arias, e representantes da asociación Cabaleiros da Bidueira, organizadora do evento coa colaboración do Concello.
A xornada comezará ás 10.30 horas, cando darán comezo as carreiras das distintas categorías: sub 16, serrada +1,50, serrada -1,50, chapeada +1,50, e chapeada -1,50. Pola tarde, a competición retomarase a partir das 16:00 horas. En total, haberá case 2.000 euros en premios, ademais de trofeos e medallas para os participantes. O xinete que consiga superar o mellor tempo da pista, actualmente fixado en 29,76 segundos, tamén recibirá un trofeo especial.
O prazo de inscrición para participar na carreira remata o 4 de setembro, e as persoas interesadas poden anotarse a través de WhatsApp no número 658 03 20 19. A pista ecuestre da Bidueira, onde terá lugar a competición, foi construída recentemente grazas a un investimento superior aos 40.000 euros procedentes das arcas municipais. Segundo o Concello, esta infraestrutura naceu da colaboración cos afeccionados ao mundo cabalar de Cervo, que teñen unha longa tradición na zona. A creación desta pista foi posible grazas a un convenio entre a Comunidade de Montes, que cedeu os terreos, e o Concello, que aportou a financiación necesaria, creando así un espazo seguro e apto para a práctica da equitación no municipio.