Burela súmase á Rede de Concellos Emprendedores tras a proposta do PP

O grupo municipal do Partido Popular en Burela conseguiu no pleno deste xoves que o goberno local aprobase a adhesión do Concello á rede de Concellos Emprendedores da Xunta de Galicia. Esta iniciativa, que xa fora presentada anteriormente e rexeitada, abre agora novas oportunidades para o tecido empresarial e os veciños da localidade.
A integración nesta rede permitirá que os empresarios e autónomos de Burela poidan acceder a bonificacións fiscais de ata o 95% en impostos como o de actividades económicas (IAE), o de bens inmobles (IBI) ou o de construcións e instalacións (ICIO). Ademais, o Concello gañará unha posición preferente á hora de optar a axudas autonómicas en réxime de concorrencia competitiva.
O portavoz do PP en Burela, Manuel Rouco, destacou que lograron o apoio unánime despois de aceptar a petición do grupo socialista de modificar a exposición de motivos, eliminando referencias ao impacto da taxa de paro e ao peche de negocios na vila. "O noso obxectivo era aprobar unha iniciativa beneficiosa para Burela e, por iso, non tivemos problema en facer este cambio", explicou Rouco.
Con todo, o portavoz popular insistiu en que a realidade económica do municipio é preocupante. Segundo indicou, "Burela ten actualmente a taxa de paro máis alta da Mariña, por riba incluso de Viveiro, e no primeiro trimestre do ano rexistrou 41 desempregados máis". Ademais, Rouco subliñou que "desde o inicio do actual mandato pecharon 74 negocios na localidade, 30 deles do sector da hostalería e do comercio". Se non se tivesen producido novas aperturas, asegurou, "estaríamos a falar de preto de 100 locais pechados en Burela".
Aprobada esta medida, os populares esperan que se traduza nun impulso para o desenvolvemento económico da vila, fomentando a creación de emprego e dinamizando a actividade comercial.