Burela suma máis de dous millóns de euros ao orzamento para executar preto dunha trintena de actuacións no municipio

AMariñaXa
A modificación de crédito, aprobada en pleno extraordinario con cargo ao remanente de tesourería, permitirá acometer investimentos en infraestruturas, equipamentos, parques, seguridade, mobilidade, cultura e servizos sociais
pleno-concello-de-burela
14 Jul 2026

O Pleno extraordinario celebrado este luns no Concello de Burela aprobou unha modificación de crédito por importe de 2.061.561,49 euros que permitirá financiar un total de 27 actuacións en diferentes ámbitos do municipio.

A medida, que se financiará con cargo ao remanente de tesourería, que ascende a case seis millóns de euros, permitirá impulsar investimentos destinados á mellora de infraestruturas, equipamentos municipais, espazos públicos, zonas verdes, seguridade e servizos co obxectivo de continuar modernizando o municipio e responder ás necesidades da veciñanza.

Máis do 40 % do importe aprobado, preto de 890.000 euros, destinarase á mellora de infraestruturas e espazos públicos. Entre as actuacións previstas figuran o asfaltado de diversas rúas, a execución do Plan de Orellas contemplado no Plan de Mobilidade, o soterramento do cableado na praza da Mariña, a instalación dunha varanda na rúa Camiño Real, obras no Punto Limpo e a expropiación urbanística do solo dotacional situado xunto ao Hospital.

Outra das partidas de maior contía, duns 500.000 euros, dedicarase á mellora de equipamentos e servizos municipais. Neste apartado inclúense a reforma da biblioteca municipal e a renovación do seu mobiliario, a construción de aseos públicos no parque Rosalía de Castro, a modernización de instalacións e equipamento deportivo, a adquisición de casetas de madeira, a mellora da eficiencia enerxética do local de Suafonte, a creación dunha cociña na praza de abastos e diferentes reparacións no Barco Museo.

A modificación de crédito reserva tamén preto de 400.000 euros para parques e zonas verdes. Este investimento permitirá acometer a remodelación do parque Tíjola, instalar unha tirolina no parque de Suafonte, erguer unha escultura de homenaxe ao náufrago, construír unha pérgola e un novo lavabo público no parque Rosalía de Castro e reformar os baños da praia da Marosa.

Ademais destas actuacións, o expediente incorpora outras medidas como a substitución do semáforo do cruce do Campón, a adquisición de inmobilizadores táser para a Policía Local, a reposición de créditos correspondentes a atrasos salariais, unha partida destinada á previsión dunha posible reclamación contractual derivada da decisión de non repercutir á veciñanza a subida do imposto da auga durante a pandemia e outra para o novo convenio do programa Xantar na Casa.

Desde o Concello sinalan que “a modificación aprobada permitirá impulsar investimentos en ámbitos como o deporte, a cultura, a accesibilidade, a mobilidade peonil, a eficiencia enerxética, a seguridade e os servizos sociais, consolidando actuacións orientadas á modernización das instalacións municipais, á humanización dos espazos públicos e á mellora da calidade dos servizos que presta o Concello”.

0.12164807319641