Burela renovará un tramo de Arcadio Pardiñas para gañar accesibilidade e impulso comercial

AMariñaXa
O Concello presenta ao Plan Deputación 2026 unha actuación de 234.000 euros para transformar a principal arteria da vila
Burela-arcadio-pardinas-avenida-2026
23 Feb 2026

O Burela afrontará a mellora dun dos espazos máis transitados do municipio coa reforma dun treito da avenida Arcadio Pardiñas, concretamente o comprendido entre a Rúa das Flores e a rúa Celso Emilio Ferreiro. A intervención, que se presentará ao Plan Deputación 2026, conta cun orzamento próximo aos 234.000 euros e actuará sobre unha superficie de 1.315 metros cadrados.

O proxecto céntrase na renovación das beirarrúas e na optimización da accesibilidade nos cruzamentos peonís, co obxectivo de ofrecer un espazo máis cómodo e seguro para a veciñanza. Na zona existen cinco pasos de peóns —tres deles regulados por semáforos— nos que se ampliarán ou executarán novas “orellas” laterais e se incorporará pavimento podotáctil para facilitar o tránsito de persoas con mobilidade reducida ou diversidade funcional.

Nos dous pasos situados nas inmediacións da Rúa das Flores, prevese prolongar as plataformas laterais para evitar que os viandantes teñan que agardar sobre o asfalto. Ademais, no cruzamento desta rúa realizaranse varias modificacións técnicas: desprazarase lixeiramente o paso cara á avenida para situalo na zona de menor pendente, reformaranse as “orellas” —ampliando a do lado oeste ata a liña de estacionamento— e melloraranse as pendentes no lado leste. Tamén se elevará suavemente a zona de rodaxe para igualala coa beirarrúa na lonxitude do paso de peóns.

Actuarase igualmente no cruce coa rúa Celso Emilio Ferreiro, onde o actual estado dificulta o paso de cadeiras de rodas. Neste punto crearase unha nova configuración con plataformas laterais a ambos lados e unha elevación da calzada no tramo peonil, garantindo unha transición máis accesible.

A alcaldesa, Carmela López, subliñou que “Arcadio Pardiñas non é unha rúa máis; é a nosa xeral, o lugar onde se pasea, onde se compra e onde se entra e sae de Burela”. A rexedora destacou que a actuación non supón “un simple lavado de cara”, senón unha transformación profunda na maneira de vivir o espazo público.

Desde o goberno local incídese en que a mellora reforzará o papel comercial da avenida, converténdoa nun entorno máis amable que convida a pasear, permanecer e consumir. “É a nova carta de presentación da vila: unha imaxe de modernidade, orde e ambición”, conclúe a alcaldesa.

0.080627202987671