Burela renova as súas casiñas de intercambio para dar unha nova vida aos libros

AMariñaXa
Os puntos situados no Parque do Hospital, Parque Rosalía, praia urbana e A Marosa permiten coller, ler e compartir exemplares de maneira libre e gratuíta
BURELA-CASIÑAS-LIBROS
25 Aug 2026

O Concello de Burela vén de renovar os fondos das catro casiñas de intercambio de libros distribuídas pola vila, incorporando novos exemplares para continuar fomentando a lectura nos espazos públicos e facilitar que as obras pasen dunhas mans a outras de maneira libre e gratuíta.

Parte dos títulos incorporados atopábanse en dependencias municipais, mentres que outros proceden da Biblioteca Municipal. A partir de agora estarán dispoñibles para a veciñanza nestes pequenos puntos de lectura ao aire libre, coa intención de que atopen novos lectores e continúen circulando por Burela.

A alcaldesa, Carmela López, e a concelleira de Cultura, Lina Gómez, participaron estes días na selección e reposición dos exemplares. Desde o goberno local destacan especialmente a boa conservación das instalacións e o uso que continúa facendo delas a cidadanía desde a súa posta en marcha.

"Estamos especialmente satisfeitas de comprobar que as casiñas seguen aí, coidadas e funcionando", sinala Gómez. Para a responsable de Cultura, a experiencia demostra que "cando ofrecemos espazos para compartir, confiamos na veciñanza e facemos á xente partícipe do público, a resposta é boa".

Burela dispón actualmente de catro destas instalacións, localizadas no Parque do Hospital, no Parque Rosalía, na contorna da praia urbana e na Marosa. O sistema funciona sen rexistros nin trámites: calquera persoa pode escoller un libro, levalo para a casa e, unha vez lido, devolvelo ou deixar outro exemplar no seu lugar.

O Concello anima tamén á cidadanía a colaborar incorporando libros que xa teña lidos e queira compartir. Deste xeito, as publicacións poden seguir circulando e chegar a novos lectores, ao tempo que se amplía a variedade dispoñible nas casiñas.

A iniciativa funciona como complemento á Biblioteca Municipal e achega a lectura a parques, paseos e outros lugares de encontro e lecer. "Ás veces non fan falta grandes proxectos para conseguir cousas bonitas: unha pequena casiña de madeira, uns libros e o compromiso de coidalos permiten levar a lectura aos nosos parques e paseos e facer que un mesmo libro poida ser desfrutado por moitas persoas", destaca a concelleira.

Desde o Concello consideran que a continuidade e o bo estado destes puntos son tamén unha mostra de responsabilidade compartida e respecto polos espazos públicos. A intención municipal é seguir repoñendo exemplares e promovendo a participación da veciñanza para manter activa a iniciativa.

"Coller, ler, compartir e devolver. Catro pequenas casiñas para que os libros sigan percorrendo Burela" é o lema co que o Concello anima a continuar utilizando e coidando estes puntos de intercambio.

0.13056492805481