Burela reforza a vixilancia e o control dos residuos durante o verán ante o aumento de poboación

O Concello de Burela porá en marcha durante os meses de verán un reforzo dos labores de vixilancia e control vinculados á xestión dos residuos, coincidindo co incremento notable de poboación que experimenta o municipio durante a tempada estival.
Este aumento da afluencia de residentes temporais e visitantes leva consigo un incremento significativo no volume de lixo xerado, o que obriga a intensificar as actuacións municipais para garantir o correcto depósito dos residuos domésticos e tamén dos enseres e obxectos voluminosos.
Desde o Goberno local insístese en que non está permitido abandonar bolsas de lixo, caixas, mobles ou calquera outro tipo de residuo na vía pública nin xunto aos contedores. As bolsas deben estar sempre correctamente pechadas e depositarse no interior dos recipientes habilitados, evitando deixalas no exterior mesmo cando estes se atopen cheos, caso no que se debe empregar outro contedor próximo con capacidade dispoñible.
Ademais, o Concello lembra que os residuos domésticos deben depositarse entre as 20:00 e as 00:00 horas, unha franxa horaria especialmente relevante nos meses de máis calor co obxectivo de reducir malos cheiros, posibles pragas e problemas de salubridade.
No relativo aos residuos de maior volume, o Concello lembra que existe un servizo gratuíto de recollida de enseres que permite evitar o seu abandono na vía pública. Para facer uso deste servizo é necesario contactar previamente no teléfono 626 763 142 en horario de 09:00 a 14:00 horas de luns a venres. Estes materiais tamén poden ser depositados no punto limpo municipal, que permanece aberto de luns a venres de 16:30 a 20:30 horas e os sábados de 09:00 a 13:00 horas.
Así mesmo, o municipio conta cun servizo de recollida de papel e cartón porta a porta dirixido a grandes xeradores, operativo de luns a sábado entre as 11:00 e as 14:00 horas, co obxectivo de evitar a saturación dos contedores e a acumulación destes residuos nas vías públicas.
O Concello advertiu tamén de que se incrementarán os controis durante o verán e que, no caso de detectarse incumprimentos da ordenanza municipal de limpeza, se iniciarán os correspondentes expedientes sancionadores, con multas que poden oscilar entre os 100 e os 3.000 euros en función da gravidade da infracción.
Desde o Goberno local faise un chamamento á responsabilidade e á colaboración tanto da veciñanza como dos establecementos comerciais e visitantes, lembrando que manter Burela limpa é unha tarefa compartida, especialmente nunha época de maior uso dos espazos públicos.
“Contamos cun servizo gratuíto e con medios suficientes para xestionar correctamente os residuos. Pedimos que se respecten os horarios, que as bolsas se depositen pechadas dentro dos contedores e que se solicite a retirada dos enseres. O Concello reforzará os controis e actuará cando sexa necesario para protexer a limpeza, a convivencia e a imaxe de Burela”, sinala o tenente de alcalde, Ramiro Fernández.