Burela recoñece ao alumnado que aposta por ir camiñando ao colexio

O Concello de Burela entregou os premios da campaña ‘Eu, a pé ao cole’, unha iniciativa destinada a fomentar que os nenos e nenas realicen os seus desprazamentos diarios aos centros educativos andando. Nesta edición, os grupos distinguidos polo seu maior compromiso coa proposta foron 6º de Primaria A do CEIP Vista Alegre e 1º da ESO A do IES Monte Castelo.
Como recoñecemento á implicación demostrada ao longo da campaña, o alumnado destes cursos participará este xoves nunha actividade especial organizada polo Concello. Os rapaces e rapazas gozarán dunha sesión de paintball no Parque de Aventura Roq Park, unha experiencia coa que se pretende agradecer a súa colaboración e reforzar a mensaxe de promoción dos hábitos saudables.
A campaña enmárcase dentro do proxecto dos Camiños Escolares Seguros, unha iniciativa impulsada polo goberno local para favorecer que os estudantes se despracen a pé ás aulas a través de percorridos sinalizados e puntos de encontro distribuídos polo municipio. Este sistema facilita que os escolares poidan acudir acompañados doutros compañeiros e compañeiras, aumentando a seguridade e fomentando a autonomía.
Ademais de promover a actividade física entre a poboación máis nova, o programa contribúe a reducir a presenza de vehículos nas inmediacións dos centros educativos e aposta por un modelo de mobilidade máis sostible e respectuoso co medio ambiente.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou a boa acollida que tivo a iniciativa entre a comunidade educativa e puxo en valor a participación dos centros e do alumnado. Segundo sinalou, este proxecto forma parte das accións municipais encamiñadas a construír unha vila máis accesible, segura e pensada para as persoas. Tamén subliñou que o premio pretende recoñecer o esforzo dos estudantes e animalos a continuar participando en actividades que contribúan a mellorar a convivencia e a calidade de vida no municipio.