Burela programa un verán con deporte e actividades de lecer para todas as idades

O Concello de Burela, a través da Concellería de Deportes, porá en marcha durante os meses de xullo e agosto unha nova edición do programa Verán Burela, unha iniciativa que ofrecerá actividades deportivas e de lecer dirixidas principalmente á rapazada, pero tamén abertas á participación da veciñanza.
A programación desenvolverase entre o 6 de xullo e o 28 de agosto e inclúe propostas como xogos na praia, rutas de sendeirismo, sesións de happy dance, rutas en bicicleta, actividades de iniciación ao baloncesto e ao surf.
As inscricións poderán formalizarse na Casa da Xuventude entre o 29 de xuño e o 2 de xullo. O prezo será de 8 euros por actividade e mes. Ademais, a información e a ficha de inscrición estarán dispoñibles na páxina web municipal e tamén poderán solicitarse na propia Casa da Xuventude.
O concelleiro de Deportes, Carlos Méndez Pena, avanzou que a programación estival completarase con outras citas deportivas ao longo do verán, entre elas torneos de fútbol 3x3, fútbol praia, baloncesto 3x3 e vólei praia, ademais da celebración da Carreira Popular e do Día da Bicicleta.
Con esta iniciativa, o Concello busca fomentar a práctica deportiva e ofrecer alternativas de lecer durante o período estival, aproveitando os espazos naturais e as instalacións deportivas do municipio.