Burela programa actividades culturais e turísticas para unha Semana Santa distinta

O Concello de Burela vén de presentar a súa programación de actividades culturais e turísticas con motivo da Semana Santa 2026, que combinará tradición, natureza e arte para ofrecer aos veciños e visitantes unha experiencia completa. O programa concentrará a maior parte das propostas os días 2, 3 e 4 de abril, incluíndo rutas xeolóxicas, visitas guiadas ao patrimonio histórico e natural, e actividades innovadoras que permitirán descubrir detalles únicos do municipio.
Como novidade, o venres 3 de abril ás 16:30 horas desenvolverase unha visita guiada gratuíta ao molde do faro de Pena Burela. Durante a xornada, os participantes poderán coñecer a historia da baliza e contemplar desde o seu interior a obra artística de David Catá. Para asistir será imprescindible realizar reserva previa na oficina de turismo.
As rutas xeolóxicas, xa consolidadas no programa turístico, ofrecerán este ano dúas opcións guiadas por unha especialista: a ruta da Marosa o venres 3 de abril, e a ruta do Perdouro o sábado 4, ambas en horario de 10:30 a 13:30 horas e con saída desde a oficina de turismo. Ambas actividades son gratuítas pero require reserva previa.
Ademais, o sábado 4 celebrarase unha visita guiada pola Vila do Medio, para coñecer a Burela rural e a súa igrexa, que conserva pinturas de finais do século XV. Esta actividade tamén é gratuíta e precisa reserva.
O Barco Museo Boniteiro ‘Reina del Carmen’ continuará aberto de martes a sábado, con visitas ás 11:00, 12:00, 13:00, 17:00 e 18:00 horas, e a asistencia debe reservarse a través da web reservasbarcoboniteiro.burela.org.
O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, sinalou que “as propostas desta Semana Santa buscan poñer en valor tanto o patrimonio histórico como o natural do noso concello, permitindo gozar de Burela dun xeito diferente e ameno”.
Para reservas das rutas, visitas á Vila do Medio ou ao molde do faro, os interesados poden acudir presencialmente á oficina de turismo, chamar ao 982 888 506 ou enviar un correo a oficinadeturismo@burela.org.