Burela, primeira etapa das Marchas Ciclistas Unificadas de Special Olympics Galicia

AMariñaXa
A nova edición do evento deportivo volverá percorrer durante catro días consecutivos as catro provincias galegas
presentación-1º-etapa-Special-Olympics
1 Out 2024

O Concello de Burela acollerá este xoves, día 3 de outubro, a primeira etapa das 12º Marchas Ciclistas Unificadas de
Special Olympics Galicia. A alcaldesa Carmela López destaca que a cita "promove a práctica deportiva entre as persoas con diversidade funcional ou intelectual, ao mesmo tempo que fomenta valores como a solidariedade, a igualdade de oportunidades ou a plena integración de todas as persoas na sociedade". A rexedora puxo en valor o “incansable esforzo que realiza unha vez máis Special Olympics por sacar adiante a duodécima edición das Marchas Ciclistas Unificadas, na que os participantes poderán percorrer diferentes puntos da xeografía galega”.

López resaltou tamén o traballo da fundación Eu Son, entidade burelá que ten como obxectivo defender os dereitos das persoas con discapacidade intelectual e da que tamén é presidenta, "que sempre participa activamente en todas as
actividades que se fan na vila, incluíndo esta". Por outra banda, a concelleira de Servizos Sociais, Sandra Fernández, sinalou
que “a diversidade é unha das nosas maiores fortalezas, e eventos coma a XII Marchas Ciclistas Unificadas Special Olympics son a proba de que, cando traballamos xuntos, podemos crear unha sociedade máis xusta e igualitaria".

A nova edición do evento deportivo volverá percorrer durante catro días consecutivos as catro provincias galegas. A primeira etapa contará cun total de 20,4 km, con saída e chegada na Praza do Concello, e alcanzará incluso o veciño municipio de Cervo. A cita de Burela comezará co acto de inauguración ás 10:45, que virá seguido da saída da Marcha ás 11:30 e da clausura ás 14.00. Participarán un total de 44 persoas, con 25 ciclistas, 8 adestradores e 11 persoas de apoio.

As persoas participantes pertencen ás entidades Aspas de Santiago, As Burgas de Ourense, PRODEME de Monforte e Fundación Eu Son de Burela, así como do Club Ciclista Monforte. As Marchas Ciclistas Unificadas continuarán o venres 4 en Santiago de Compostela, chegarán o sábado 5 a O Carballiño e rematarán o seu percorrido o domingo 6 en Vilagarcía, culminando así un periplo polas catro provincias galegas.

0.15669798851013