Burela prepárase para un festival que encherá a vila de música, deporte, gastronomía e arte

AMariñaXa
O Festival De Cabo a Cabo celebrarase o 15 de xuño con programación en varios espazos urbanos e unha ampla oferta cultural vinculada á diversidade da localidade
de-cabo-a-cabo-burela-2026
14 Jun 2026

Burela ultíma os preparativos para acoller o Festival De Cabo a Cabo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Lugo, o Concello de Burela e a Asociación Cultural Fanto Fantini, coa dirección creativa de Anxo Ferreira. O evento converterá a vila nun gran espazo cultural o vindeiro luns 15 de xuño, cunha programación que combina música, deporte, gastronomía e creación artística.

As actividades desenvolveranse en distintos puntos do municipio, con especial protagonismo para a Praza da Mariña, a Praia do Portelo, o Parque Rosalía de Castro e a Praza de Abastos. Ao longo da tarde e da noite sucederanse propostas que buscan poñer en valor a diversidade cultural e social de Burela a través dunha xornada aberta á participación cidadá.

A Praza da Mariña será o principal escenario do festival e acollerá a programación musical dende as 15.00 horas, ademais da retransmisión en directo do encontro entre España e Cabo Verde. A xornada abrirase co concerto de Saya entre as 15.00 e as 16.15 horas, seguido do DJ set de Baiuca, que actuará entre as 16.15 e as 17.45 horas.

Tras a retransmisión do partido, prevista entre as 17.45 e as 20.00 horas, retomaranse as actuacións musicais coa presenza de Batuko Tabanka entre as 20.00 e as 20.50 horas. A continuación, será a quenda de DJ Danifox, de 20.50 a 22.00 horas, e DJ Kandole pechará a programación musical entre as 22.00 e as 23.30 horas.

De maneira paralela, o festival tamén ofrecerá actividade deportiva entre as 16.00 e as 17.00 horas, cun torneo de fútbol 3x3 no Parque Rosalía de Castro e fútbol praia na praia urbana do municipio. A proposta complétase cun espazo gastronómico que arrancará arredor das 17.30 horas, con degustacións de pratos procedentes de Senegal, Cabo Verde e Perú.

Ademais, o evento contará cunha intervención artística de Alicia Alonso, distribuída en distintos puntos da vila como a Praza de Abastos, as porterías da Praia do Portelo e a Praza da Mariña, reforzando o carácter creativo e urbano desta cita cultural.

0.13170385360718