Burela prepárase para a eclipse solar cunha xornada divulgativa e actividades de observación

AMariñaXa
A Nave de Redes acolleu unha conferencia especializada e talleres para achegar á veciñanza información sobre este fenómeno astronómico
Charla-eclipse-solar-Burela
2 Aug 2026

Burela acolleu este domingo unha xornada dedicada á preparación e observación da eclipse solar prevista para o próximo 12 de agosto, un fenómeno para o que a localidade se presenta como un dos puntos privilexiados de observación. A actividade, celebrada na Nave de Redes do Porto, reuniu a numerosos veciños e veciñas interesados en coñecer máis detalles sobre este acontecemento astronómico e as medidas necesarias para contemplalo con seguridade.

A programación incluíu a conferencia divulgativa Astronomía básica da eclipse, planificación e observación segura, así como un obradoiro práctico de observación solar. Ademais, pola tarde está prevista a celebración dun taller infantil de astronomía destinado a achegar esta ciencia aos máis pequenos. As actividades forman parte dunha iniciativa impulsada pola Deputación de Lugo e o Concello de Burela para informar á cidadanía e facilitar recursos que permitan desfrutar da eclipse con todas as garantías.

Durante a xornada tamén se distribuíron lentes homologadas para a observación do fenómeno, dentro da campaña informativa que ambas administracións están a desenvolver nos últimos meses en distintos puntos da provincia.

A presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López, participou no encontro e destacou que o municipio será un dos mellores lugares para seguir a eclipse. A responsable provincial lembrou que a institución leva meses impulsando accións divulgativas e de prevención, entre elas o reparto de 35.000 lentes homologadas e 45.000 dípticos informativos por toda a provincia.

A conferencia foi impartida por Antonio Pazos Pérez, divulgador astronómico da Federación de Asociacións Astronómicas de España (FAAE), quen explicou aos asistentes as características da eclipse, os métodos seguros para a súa observación e os aspectos técnicos que permitirán aproveitar ao máximo a experiencia. O especialista abordou tamén cuestións relacionadas coa planificación do fenómeno e respondeu ás preguntas formuladas polo público.

0.12497782707214