Burela prepara unha prospección científica na Punta do Cabo para estudar o castro mediante técnicas non invasivas

AMariñaXa
Os traballos comezarán a principios de agosto e permitirán obter información sobre a estrutura e extensión do xacemento, aínda sen investigar con metodoloxía científica
punta-do-cabo-burela
13 Jul 2026

O Concello de Burela levará a cabo entre os días 3 e 7 de agosto a primeira fase da prospección xeofísica prevista na zona da Punta do Cabo, unha actuación destinada a analizar e cartografar o espazo no que se localiza o castro de Cabo.

O obxectivo desta intervención é reunir información que permita coñecer mellor a estrutura e a dimensión do xacemento, que ata o momento non fora estudado mediante técnicas científicas. Os traballos contan coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, mentres continúan os trámites para poder realizar os voos de dron incluídos nesta primeira fase.

A alcaldesa de Burela convocou unha reunión informativa coas veciñas e veciños da contorna para explicar os detalles da actuación. O encontro terá lugar este mércores 15 de xullo, ás 19.00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello e contará tamén coa participación da asociación A Mariña Patrimonio.

Segundo explicou o Concello, esta primeira intervención desenvolverase empregando exclusivamente métodos non invasivos, polo que non se contempla ningunha modificación do terreo. Entre as actuacións previstas figura a colocación de pequenas estacas de madeira, duns cinco centímetros de profundidade, para marcar e xeorreferenciar os puntos de estudo, ademais da realización da prospección xeofísica e dos voos de dron para recompilar os datos necesarios.

Unha vez analizados os resultados desta primeira fase, o Concello avaliará a posibilidade de executar unha segunda intervención. Neste caso podería empregarse maquinaria de maior tamaño, aínda que tampouco se prevén afeccións sobre o terreo.

A actuación foi adxudicada o pasado mes de febreiro á Agencia Estatal Consejo Superior de Investigaciones Científicas, M. P., cun importe de 12.947,21 euros. Desde entón, o Concello avanzou na tramitación dos permisos necesarios e no contacto coas persoas propietarias das parcelas, xa que para realizar os traballos será necesario acceder aos terreos e levar a cabo algunhas tarefas de limpeza.

A maior parte da veciñanza da zona xa recibiu información sobre a intervención, aínda que a reunión deste mércores permitirá achegar os detalles do proxecto ás persoas coas que aínda non foi posible contactar directamente.

0.12893605232239