Burela prepara unha experiencia para vivir a pesca artesanal desde o mar

AMariñaXa
O proxecto permitirá ao público embarcarse nun pesqueiro e achegarse ao traballo das tripulacións, ás artes de pesca e á cultura mariñeira da vila
Burela-barco-turismo-2026
9 Sep 2026

Coñecer como transcorre unha xornada de pesca artesanal desde a propia embarcación será unha das novas experiencias de turismo mariñeiro que Burela prevé ofrecer a partir do próximo verán. A iniciativa, apoiada polo GALP A Mariña-Ortegal, busca achegar o público ao oficio e reforzar a vinculación turística da vila coa súa tradición pesqueira.

A alcaldesa, Carmela López, e o concelleiro do Mar, Ramiro Fernández, probaron este martes a experiencia a bordo do pesqueiro Virxe do Rocío, acompañando durante parte da xornada ao seu patrón, Miguel Ángel, e ao mariñeiro John.

O traballo da tripulación comezara ás cinco da madrugada, cando saíron para botar a volantilla. Posteriormente incorporáronse os representantes municipais para participar na recollida da arte e comprobar directamente como se desenvolve a actividade. O obxectivo principal eran as merluzas e os salmonetes, aínda que entre as capturas tamén chegaron a bordo outras especies, incluídos dous exemplares de sanmartiño.

"Foi unha oportunidade para coñecer Burela desde outro lugar, desde o mar e da man de quen o traballa cada día", destacou López, que incidiu na posibilidade de achegarse dunha forma diferente a un oficio estreitamente ligado á historia da localidade.

A proposta pretende trasladar esta experiencia ao público a partir do próximo verán, permitindo aos participantes coñecer unha xornada real de pesca artesanal, as técnicas empregadas e o traballo que existe detrás do peixe que chega ao porto.

Ramiro Fernández considera que o proxecto abre novas posibilidades para "unir pesca, cultura mariñeira e turismo" e contribuír ao mesmo tempo a divulgar o sector.

López e Fernández agradeceron finalmente a Miguel Ángel a posta en marcha da iniciativa e, xunto con John, a acollida e as explicacións ofrecidas durante a saída.

0.15085315704346