Burela pon en marcha o Espazo Zero para ofrecer un punto de encontro seguro á mocidade

A Casa da Xuventude de Burela acollerá desde o 15 de outubro ata o 17 de decembro o Espazo Zero, unha proposta dirixida a adolescentes que busca ofrecerlles un lugar seguro no que compartir experiencias, conversar sobre como se senten e apoiarse mutuamente.
A actividade celebrarase todos os xoves, en horario de 16.00 a 17.30 horas. O obxectivo é crear un punto de encontro no que a mocidade poida relacionarse, pasar tempo en compañía e contar cun espazo para falar e compartir as súas vivencias sen a presión das obrigas cotiás.
O Espazo Zero está organizado pola asociación Arraianas e enmárcase no programa Candea, centrado na prevención da soidade non desexada e do suicidio. Esta iniciativa tamén contempla o apoio ás familias e ás persoas achegadas de vítimas falecidas.
As persoas interesadas en participar ou en recibir máis información poden contactar coa organización no teléfono 698 183 167 ou escribir ao enderezo electrónico candea@arraianas.org.