Burela pon a convivencia entre xeracións no centro da Semana da Infancia

Burela puxo o broche á Semana da Infancia cunha actividade de convivencia entre mozos e maiores na Praza de Abastos. O alumnado dos institutos Perdouro e Monte Castelo participou esta mañá en coreografías conxuntas con persoas usuarias dos talleres de Cruz Vermella, nun encontro que combinou música, movemento e ocio compartido.
A proposta, organizada pola Tenencia de Alcaldía de Burela coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, contou coa presenza do deputado de Mocidade, Daniel García; do tenente de alcalde, Mario Pillado, e da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Sandra Fernández Cillero.
García destacou o traballo do Goberno local para dar protagonismo á infancia e á mocidade a través de actividades colectivas que lles permitan participar na vida pública. Tamén incidiu no valor dos espazos de encontro interxeracional para favorecer a convivencia.
Pola súa banda, Pillado agradeceu a implicación do alumnado e do profesorado dos centros educativos, así como das entidades locais que colaboraron na programación. O obxectivo, sinalou, é fomentar a participación de nenos, nenas e adolescentes e ofrecerlles propostas formativas e divulgativas adaptadas aos seus intereses e necesidades.
A Semana da Infancia, que comezou o luns e celebra este ano a súa segunda edición, incluíu actividades educativas, culturais, deportivas e participativas para promover os dereitos da rapazada e favorecer o seu desenvolvemento integral.
Durante estes días organizáronse charlas sobre autocoidado, igualdade, prevención do acoso e prevención do suicidio, ademais de encontros con colectivos da vila. Entre eles estiveron a asociación de mariñeiros xubilados A Moncloa, Batuko Tabanka, SCR Ledicia e os grupos de ximnasia activa do Concello. A programación tamén incorporou obradoiros de xogos populares e elaboración de monicreques.
A clausura terá lugar esta tarde cun ensaio aberto da Escola de Música de Burela e un concerto de Blood Skeleton, previsto para as 19.00 horas no parque de Rosalía de Castro.
Esta iniciativa forma parte das políticas municipais destinadas a promover os dereitos da infancia e a participación activa dos máis novos. Burela forma parte da rede internacional de Cidades Amigas da Infancia desde 2024, un recoñecemento que reforza o compromiso local con medidas estables dirixidas a este colectivo.