Burela organiza un curso de integración para persoas estranxeiras

A Casa do Concello de Burela acollerá do 9 ao 16 de novembro un curso de esforzo de integración dirixido á poboación estranxeira residente no municipio. A iniciativa busca favorecer a integración das persoas participantes na contorna e ofrecerlles orientación para solicitar o informe de esforzo de integración que expide a Xunta de Galicia.
Este documento pode resultar necesario nos procesos de renovación de determinadas autorizacións de residencia, polo que a formación pretende tamén facilitar o coñecemento dos trámites e requisitos relacionados coa súa obtención.
As sesións celebraranse nas dependencias municipais en horario de 9.30 a 13.30 horas. As persoas interesadas en participar ou recibir máis información poden contactar co Concello nos teléfonos 982 586 000 e 982 580 609, ou acudir directamente á Casa do Concello.
A actividade forma parte do programa de inclusión social da poboación inmigrante e está cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.