Burela ofrecerá un verán de ocio gratuíto para a mocidade na Casa da Xuventude

O Concello de Burela volverá apostar este verán por unha programación de lecer dirixida á mocidade coa posta en marcha dun calendario de actividades gratuítas que se desenvolverá na Casa da Xuventude entre o 13 de xullo e o 27 de agosto. A iniciativa forma parte da Estratexia de Saúde municipal e busca ofrecer alternativas de ocio durante as vacacións escolares combinando diversión, aprendizaxe e convivencia.
As propostas repartiranse ao longo da semana con temáticas diferentes. Os luns estarán reservados aos xogos populares e tradicionais, unha actividade pensada para recuperar formas de lecer de sempre e, ao mesmo tempo, dar visibilidade á diversidade cultural presente no municipio.
Os martes estarán dedicados á robótica, achegando aos participantes ao mundo da tecnoloxía a través de dinámicas prácticas. Os mércores celebrarase a actividade de Fútbol na Rúa, que contará cunha estrutura circular instalada no exterior da Casa da Xuventude para fomentar a práctica deportiva ao aire libre. Pola súa banda, os xoves estarán centrados na diversión matemática, con retos e propostas destinadas a estimular a curiosidade e o razoamento de forma amena.
Os venres non haberá actividades programadas, aínda que a Casa da Xuventude permanecerá aberta para que a rapazada poida facer uso das súas instalacións durante o horario estival.
As sesións desenvolveranse, con carácter xeral, entre as 10:00 e as 13:00 horas, agás o Fútbol na Rúa, que terá lugar de 11:00 a 14:00 horas. Ademais, desde o 15 de xullo o centro abrirá de 8:00 a 14:00 horas, permitindo utilizar a aula de xogos antes e despois das actividades.
O prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 1 e o 10 de xullo e poderá formalizarse por correo electrónico, de forma presencial no Concello ou por teléfono.
Como adianto da programación, a próxima semana celebraranse dúas xornadas de portas abertas: o 7 de xullo cunha sesión de robótica e o 8 de xullo con Fútbol na Rúa.
O primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Xuventude, Mario Pillado, destacou que o obxectivo é ofrecer "unha alternativa de ocio á nosa mocidade durante o verán cun programa diverso e gratuíto que combina tradición, deporte, tecnoloxía e aprendizaxe". Ademais, subliñou que a intención é que a Casa da Xuventude continúe sendo "un espazo de encontro durante as vacacións, onde a rapazada poida gozar, compartir tempo e participar en actividades pensadas para eles e elas".