Burela ofrecerá formación dixital gratuíta para persoas migrantes

A Casa do Concello de Burela será o escenario dunha acción formativa dirixida a persoas migrantes co obxectivo de mellorar as súas habilidades dixitais e favorecer a súa autonomía. Baixo o título "Competencias dixitais para a autonomía", o curso desenvolverase en dúas xornadas, os días 23 e 25 de novembro, en horario de 9.30 a 13.30 horas.
A iniciativa está promovida pola Fundación Conecta +, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, e coa colaboración do Concello de Burela.
A primeira sesión, prevista para o luns 23, estará dedicada á busca de emprego a través de internet, mentres que a segunda, o mércores 25, centrarase no manexo de aplicacións útiles para diferentes necesidades da vida diaria. A proposta busca proporcionar ás persoas participantes recursos e coñecementos dixitais que lles permitan realizar distintas xestións e desenvolverse con maior independencia no seu día a día.
A asistencia será gratuíta, aínda que o número de prazas é limitado. As persoas interesadas en participar poden solicitar información e formalizar a inscrición nos teléfonos 982 586 000 e 982 580 609.