Burela leva ás aulas exemplos reais de integración a través dun programa municipal

AMariñaXa
A experiencia de Emma Gala achega ao alumnado a realidade da migración e da inclusión social
ACTIVIDADE-INCLUSIÓN-BURELA-2026
4 May 2026

O Concello de Burela continúa avanzando nas súas políticas de integración cunha nova actividade desenvolvida nos colexios CEIP Os Castros e CEIP Vista Alegre, dirixida a achegar ao alumnado vivencias reais sobre a inclusión social e laboral da poboación inmigrante. A iniciativa enmárcase nas accións promovidas pola área de Inmigración e tivo como protagonista a Emma Gala, unha moza de orixe peruana asentada na vila desde hai anos.

Durante os encontros co alumnado, Emma compartiu a súa historia persoal, relatando o proceso migratorio que a levou a establecerse en Burela xunto á súa familia. A través do seu testemuño, explicou como foi a súa adaptación ao novo entorno e as oportunidades que atopou no municipio para construír o seu proxecto de vida.

O tenente de alcaldesa, Mario Pillado, destacou o valor deste tipo de iniciativas, subliñando que “é moi importante a mensaxe que transmite aos nenos e nenas, xa que con esforzo, formación, traballo e o apoio da familia e da comunidade logrou saír adiante”. Neste sentido, incidiu na necesidade de achegar referentes reais que permitan ao alumnado comprender mellor as diferentes realidades sociais.

A actividade busca fomentar valores como o respecto, a convivencia e a inclusión, ao tempo que contribúe a ofrecer unha visión máis próxima dos procesos migratorios.

O programa continuará os días 11 e 12 de maio coa súa chegada aos institutos IES Perdouro e IES Monte Castelo, ampliando así o alcance da iniciativa ao alumnado de secundaria.

Esta proposta forma parte do programa de inclusión social da poboación inmigrante, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

0.12270522117615