Burela leva ao teatro a crise climática e os problemas do acceso á vivenda con "Bio Construción"

A Casa da Cultura de Burela acolle hoxe a representación de "Bio Construción", un espectáculo teatral que combina surrealismo, absurdo e reflexión para abordar algunhas das contradicións da sociedade actual. A función comezará ás 21:00 horas e está dirixida ao público adulto.
A obra, dirixida e interpretada por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, incorpora a música en directo de Macarena Montesinos. A través dunha proposta que mestura humor e pensamento crítico, o espectáculo afonda en cuestións como a crise climática, as dificultades de acceso á vivenda e as inxustizas do sistema inmobiliario.
O fracaso e o amor na sociedade contemporánea completan os temas que atravesan esta peza, que convida o público a reflexionar sobre a realidade desde unha perspectiva pouco convencional.
As entradas teñen un prezo de 5 euros e poderán adquirirse na billeteira da Casa da Cultura desde as 20:00 horas, unha hora antes do comezo da representación.