Burela izou as bandeiras azuis nas praias de Ril e a Marosa

TerraChaXa | AMariñaXa
6 Jul 2019

O Concello procedeu ao izado das bandeiras azuis nas praias de Ril e A Marosa. Os areais contan na actualidade con oito socorristas, pero o Concello tenta contratar a dous máis para ter todas as necesidades perfectamente cubertas. O alcalde, Alfredo Llano, subliña que a calidade das augas é excelente, incluída a praia de Portelo, que neste 2019 non obtivo a bandeira azul.
O rexedor declarou que “imos iniciar a tempada das praias aquí en Burela coa presenza de socorristas na Marosa, en Ril e no Cabaliño-O Portelo, atendendo ás necesidades nas diferentes praias, polo tanto vai haber seguridade a través dos socorristas, pero tamén vai haber atención e información, e limpeza co fin de ter as praias sempre adecuadas e na mellor forma posible para que sexan disfrutadas por toda a xente que se achegue ao noso concello durante todo este verán”.
Alfredo Llano explicou que “Burela ten dúas praias con bandeira azul, sempre tíñamos tres pero a do Portelo este ano non nola deron, non é que estivera mal a praia, aínda tivemos o último informe da calidade das augas que di que tanto as praias do Portelo, como A Marosa, Ril e O Cantiño teñen unha cualificación de excelente. Polo tanto hai garantía de disfrutar das augas e poder estar na praia, o único que ocorre é que cando hai unha Edar nas proximidades dificulta ter a bandeira azul. Sen embargo, si que imos izar a 14.001, que é unha normativa que garante todos os servizos, a limpeza e a seguridade. Imos colocala tanto no Portelo como en Ril e A Marosa. Polo tanto vai haber dúas bandeiras azuis e a 14.001 vaise colocar de momento nas tres”.
O alcalde engadiu que “Burela non soamente ten esas dúas bandeiras azuis senón que tamén ten as bandeiras azuis outorgadas ao barco museo Reina del Carmen e ao centro de educación medioambiental de Gaia, que xa o está recibindo todos os anos pola actividade que realiza durante todo o ano e é unha cousa boa que nos premien con esta bandeira azul. Tamén hai outra bandeira azul, que é a do sendeiro da Ruta do litoral burelés, que xa se deu o ano pasado e é unha ruta que está sendo moi usada”.
Alfredo Llano engadiu que “temos oito socorristas e imos abrir o prazo para contratar a outros dous máis. Os oito son os correspondentes á subvención da Xunta e teremos outros dous para contar con dez, para facilitar os turnos e que estean presentes en todas as praias que queremos. Así que toda a xente que queira achegarse a Burela pode ter a seguridade e a motivación suficiente como para poder disfrutar das praias todo o tempo que queira”.
No acto de izado das bandeiras azuis participaron varios membros do equipo de goberno burelés. 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17661714553833