Burela instala un novo refuxio para gatos e suma 34 esterilizacións e 28 adopcións este ano

Burela conta cun novo refuxio para os gatos dunha das colonias felinas do municipio, unha medida coa que o Concello busca mellorar as condicións de vida destes animais e facilitar o traballo das persoas que se encargan do seu coidado. A iniciativa forma parte do Plan de Control e Xestión Ética de Colonias Felinas Urbanas, aprobado o pasado 27 de xullo e publicado no Boletín Oficial da Provincia o 3 de agosto de 2026.
O traballo conxunto do Concello, a Protectora Bigotes e as persoas alimentadoras voluntarias permitiu esterilizar 34 gatas no que vai de ano, recoller 26 gatos e lograr 28 adopcións. Ademais, rexistráronse 23 mortes de felinos, a maioría deles recollidos na rúa.
O plan municipal establece un marco de actuación para organizar a atención ás colonias e aplicar o método CER (captura, esterilización e retorno), destinado a controlar a reprodución dos gatos comunitarios e mellorar o seu benestar.
Carnés e material para as persoas voluntarias
Entre as medidas incorporadas figura a creación dun carné identificativo para as persoas alimentadoras autorizadas, co que se pretende recoñecer o seu labor e mellorar a coordinación dos coidados. A acreditación irá acompañada dun compromiso de actuación que inclúe proporcionar auga limpa e fresca, utilizar preferentemente penso seco, manter en boas condicións hixiénicas os puntos de alimentación e comunicar a aparición de novos gatos ou de animais enfermos e feridos.
As persoas colaboradoras tamén recibirán un kit con penso, luvas, xel hidroalcohólico, unha pinza para retirar carrachas e unha libreta con bolígrafo para rexistrar incidencias e facer un seguimento das necesidades de cada colonia.
O Concello agradece a implicación da Protectora Bigotes e do voluntariado e pide á veciñanza que respecte os refuxios e os puntos de alimentación habilitados, ademais de seguir as indicacións municipais para favorecer unha convivencia responsable cos animais.