Burela inicia este luns a programación da Semana Europea da Mobilidade

AMariñaXa
As actividades prolongaranse ata o día 22 de setembro, domingo
Semana-Mobilidade-burela-2023
15 sep 2024

O Concello de Burela celebra unha nova edición da Semana Europea da Mobilidade, que terá lugar entre o luns 16 e o domingo 22 de setembro.

Será unha semana chea de actividades de moi diversa índole para promover a sostibilidade e a accesibilidade. Este ano, a campaña ten como tema o "Espacio Público Compartido”, que se suma ao lema da iniciativa, "Combina e móvete!".

A alcaldesa de Burela e delegada da área de Medio Ambiente, Carmela López, quixo poñer en valor “a participación de Burela nesta iniciativa europea para fomentar a mobilidade sostible, que é un obxectivo central do noso Goberno e que se materializa no novo Plan de Mobilidade que estamos a desenvolver”.

Pola súa banda, Lina Gómez Pardo, concelleira responsable do Centro de Educación Medioambiental Gaia, destaca “a importancia de promover alternativas de transporte sustentable e de reducir o impacto ambiental das nosas actividades diarias”.

“A Semana Europea da Mobilidade é unha iniciativa moi necesaria, e o Concello de Burela participa nela ininterrompidamente dende 2007, realizando actividades toda a semana”, sinala a concelleira.

Unha das xornadas máis destacadas será a do Día sen Coches, no que o tráfico estará pechado ese día de 9:00 a 21:00 en varios tramos das rúas Rosalía de Castro, Pardo Bazán e Curros Enríquez.

“Animamos a toda a cidadanía a participar en actividades como as rutas a pé ou en bici, o rastrillo, a búsqueda do tesouro, o préstamo de bicis, ver os ensaios das diferentes asociacións e clubs”, engadiu.

Gómez Pardo quixo tamén convidar á veciñanza “a reflexionar sobre como as nosas eleccións de transporte impactan no medio ambiente e na calidade da nosa vida urbana, xa que a cooperación e o compromiso de cada un de nós son fundamentais”.

A concelleira subliñou "o compromiso do Concello de Burela tanto coa sostibilidade como con promover un estilo de vida saudable, eixos centrais da programación da Semana da Mobilidade ano tras ano”. “Queremos ter unha vila máis accesible e pensada para as persoas”, concluíu.

semana-europea-mobilidade-burela
0.15559911727905