Burela incorporará pulseiras detectoras de substancias para reforzar a seguridade durante as festas patronais

A próxima celebración das festas patronais de Burela contará cun novo recurso orientado á prevención e á protección da mocidade. O Concello poñerá a disposición das persoas asistentes pulseiras capaces de detectar determinadas substancias vinculadas á submisión química, unha iniciativa que converterá o municipio no primeiro de Galicia en introducir esta ferramenta preventiva nunha festa patronal.
A distribución destes dispositivos realizarase a través do Punto Lila, que estará operativo no campo da festa durante as noites do sábado, domingo e luns, entre as 22.00 e as 06.00 horas. A medida forma parte das accións impulsadas polo Concello en materia de prevención, sensibilización e apoio ante situacións de violencia machista, contando co respaldo económico do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
As pulseiras incorporan un sistema químico reactivo que permite comprobar se unha bebida contén determinadas substancias. Para utilizalas, basta con depositar unha pequena mostra do líquido sobre a superficie habilitada. No caso de que non se produza ningunha variación na cor, non se detectaría a presenza destas sustancias. Pola contra, un cambio de tonalidade serviría como sinal de alerta.
Segundo a información facilitada polos fabricantes, os dispositivos poden identificar compostos como o GHB, coñecido popularmente como éxtase líquido, ademais de ketamina, escopolamina ou burundanga, MDMA e outras substancias de características semellantes. Trátase dunha ferramenta discreta e sinxela de empregar que pode reutilizarse ao longo da noite sempre que non se active.
Desde o Centro de Información á Muller (CIM) de Burela destacan que este tipo de recursos non substitúen nin a atención especializada nin os protocolos establecidos ante posibles agresións, aínda que consideran que poden contribuír a mellorar a prevención e a información das persoas usuarias. Ademais, inciden na importancia de que a mocidade coñeza os recursos dispoñibles e recorra a eles ante calquera situación sospeitosa.
Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Sandra Fernández Cillero, sinalou que o obxectivo é favorecer unhas celebracións seguras e respectuosas, nas que a cidadanía poida desfrutar do ambiente festivo con tranquilidade. A edil explicou que estas pulseiras complementan o labor desenvolvido polo Punto Lila e o conxunto de campañas de sensibilización que se realizan durante as festas.
Fernández Cillero tamén fixo fincapé en que a seguridade nos espazos de ocio require a implicación de toda a sociedade, apostando por un modelo de convivencia baseado no respecto, a liberdade e o coidado mutuo.
O Concello lembra que o Punto Lila funcionará durante tres noites consecutivas como espazo de información, acompañamento e primeira atención ante posibles situacións de violencia machista ou agresión sexual. Ademais da entrega das pulseiras, desde este servizo tamén se ofrecerá orientación ás persoas que o precisen.
Desde a administración local recoméndase acudir tanto ao Punto Lila como ás forzas de seguridade ante calquera dúbida ou sospeita, así como solicitar axuda de maneira inmediata cando se detecte unha posible situación de risco.