Burela impulsa un novo contrato do SAF para ampliar a atención ás persoas dependentes

O Goberno municipal de Burela levará ao pleno deste xoves a aprobación do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), unha proposta coa que pretende reforzar a atención ás persoas en situación de dependencia e mellorar o apoio que reciben tanto elas como as súas familias.
A nova licitación suporá un incremento significativo da capacidade do servizo, ao pasar das 35.000 ás 44.000 horas anuais de atención, o que permitirá responder ao aumento da demanda e adaptar a prestación ás necesidades actuais da poboación. O contrato tamén garante a continuidade do persoal, coa subrogación das 30 auxiliares que prestan o servizo na actualidade, ademais da coordinadora e da axudante de coordinación.
Entre as principais novidades figura a creación dunha bolsa anual destinada á adquisición de axudas técnicas e á prestación de servizos complementarios. A través desta partida poderanse facilitar camas articuladas, colchóns antiescaras, cadeiras de rodas, cadeiras de ducha ou grúas de mobilización para as persoas usuarias. O contrato tamén contempla accións formativas dirixidas ás familias e ás persoas coidadoras, co obxectivo de mellorar a atención no ámbito domiciliario.
A futura adxudicación incorpora ademais distintos criterios de mellora, como a posibilidade de ofrecer horas adicionais de servizo ou realizar limpezas extraordinarias nos fogares que o precisen.
O Concello tamén reforza aspectos relacionados coa organización e a calidade asistencial. O contrato prevé manter unha oficina operativa en Burela, impulsar a formación continua do persoal, incorporar ferramentas tecnolóxicas para o seguimento da atención prestada e garantir a dotación de equipos de protección individual e medidas específicas de prevención de riscos laborais.
Desde o Goberno municipal destacan que esta nova contratación permitirá consolidar un Servizo de Axuda no Fogar máis amplo, estable e adaptado á realidade do municipio, favorecendo que as persoas dependentes poidan permanecer no seu domicilio e no seu contorno habitual coa atención e os recursos necesarios.