Burela impulsa dous cursos formativos para favorecer a integración de persoas estranxeiras

O Concello de Burela acollerá proximamente dous cursos formativos dirixidos a persoas estranxeiras, unha iniciativa promovida pola entidade Ecos do Sur co obxectivo de facilitar a súa integración social e mellorar o acceso á formación.
Por unha banda, desenvolverase un curso específico de preparación para a proba CCSE do Instituto Cervantes, cunha duración de 40 horas, orientado a persoas que desexen obter a nacionalidade española. Esta formación permitirá ás persoas participantes adquirir coñecementos sobre aspectos constitucionais e socioculturais do país.
Ademais, ofertarase un curso de español para persoas estranxeiras cun total de 80 horas, pensado para mellorar as competencias lingüísticas e favorecer a comunicación no día a día, tanto no ámbito social como laboral.
O prazo de inscrición permanece aberto sen unha data límite concreta, e o inicio das sesións fixarase unha vez se complete o número mínimo de participantes en cada grupo. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición chamando ao teléfono habilitado ou acudindo presencialmente ás oficinas do Concello.
O tenente de alcaldesa, Mario Pillado, destacou que este tipo de programas resultan fundamentais para apoiar á poboación estranxeira residente en Burela, facilitando a súa inclusión e promovendo unha convivencia baseada na igualdade de oportunidades.