Burela impulsa catro actuacións urbanas para mellorar espazos públicos e accesibilidade

AMariñaXa
O Concello investirá máis de 131.000 euros de fondos propios en obras pensadas para unha vila máis amable, verde e segura
Burela-vista-de-noite-2022
29 Dec 2025

O Concello de Burela poñerá en marcha nas vindeiras semanas catro actuacións de mellora urbana cun investimento global de 131.264 euros procedentes de fondos municipais. Trátase de obras de carácter menor, pero cun impacto directo na calidade de vida da veciñanza, ao complementar a estratexia municipal de crear un espazo urbano máis próximo ás persoas, con menos presenza de vehículos e cunha aposta clara pola accesibilidade e polos espazos públicos de convivencia.

Un dos proxectos que se executará de maneira inmediata é o acondicionamento dun solar de titularidade municipal en Vilar, que se transformará nunha zona verde con miradoiro. Esta actuación, cun orzamento próximo aos 25.000 euros, inclúe a limpeza e delimitación do terreo, a creación dun acceso adecuado, a plantación de arborado e a instalación de mobiliario urbano, co obxectivo de recuperar un espazo ata agora infrautilizado para o lecer da cidadanía.

Outro dos puntos nos que se actuará será o parque de O Campón, que presenta un notable deterioro. Neste caso, o Concello adxudicou por 40.000 euros a renovación integral do chan e dos xogos infantís, para garantir unhas condicións de uso seguras e adecuadas para as familias.

As melloras chegarán tamén ao lateral da Praza do Concello, onde no mes de abril de 2024 foi necesaria a retirada de varias árbores debido ao risco que supuñan. Neste espazo crearase unha zona de descanso con sombra, mediante a plantación de novas especies arbóreas, a execución dun firme con adoquíns e a colocación de mobiliario urbano e xogos de mesa. Esta obra xa foi adxudicada cun investimento de 46.486 euros.

Por último, o Concello executará unha actuación recollida no plan de mobilidade, no cruzamento das rúas Eijo Garay e Celso Emilio Ferreiro, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria dos peóns. A intervención consistirá na ampliación das beirarrúas e na redución da lonxitude do paso de peóns, ademais da instalación de novo mobiliario urbano e da plantación de árbores. O orzamento destinado a esta obra ascende a 19.778 euros.

Con este conxunto de actuacións, o Concello de Burela continúa avanzando na mellora do espazo público, apostando por unha vila máis accesible, sostible e pensada para o desfrute da veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.058841943740845