Burela explora novas vías de cooperación internacional e posibles irmandamentos con Cabo Verde

O Concello de Burela participou esta semana en dous encontros promovidos polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na Coruña, centrados na cooperación entre administracións locais, os irmandamentos e a resposta ante emerxencias humanitarias. A representación municipal estivo encabezada polo tenente de alcaldesa, Mario Pillado, que acudiu ás dúas convocatorias.
A primeira das citas tivo lugar o luns 9 de novembro baixo o título "Cuba na encrucillada. Unha visión desde o municipalismo sobre os desafíos que enfronta a illa". A sesión permitiu coñecer diferentes perspectivas sobre a situación cubana e abordar os retos que afronta o país desde o ámbito da administración local.
Ao día seguinte, o martes 10, celebrouse no Espazo Híbrido da Coruña a xornada "Cooperación municipalista. Novos enfoques para vellas fórmulas: irmandamentos e axuda humanitaria". Neste encontro, representantes de distintos concellos membros do Fondo Galego compartiron experiencias e analizaron novas posibilidades para impulsar a colaboración internacional desde o ámbito municipal.
A participación nestas actividades tamén serviu para avanzar na reflexión sobre posibles irmandamentos que Burela ten pendentes de desenvolver, especialmente coa posibilidade de establecer vínculos con algunha cámara municipal de Cabo Verde. Ademais, abordáronse ferramentas e experiencias relacionadas coa organización da axuda en situacións de emerxencia e catástrofes humanitarias.
Mario Pillado destacou o valor destes espazos de intercambio, que permiten aos representantes municipais achegarse a outras realidades, coñecer iniciativas e estudar novas formas de traballo conxunto. O tenente de alcaldesa agradeceu ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o labor que realiza, tanto mediante a organización destas xornadas como a través das actividades formativas que ofrece aos concellos.
Desde o Concello de Burela salientan a importancia desta entidade como instrumento para fortalecer a cooperación e a solidariedade entre administracións locais. O goberno municipal tamén expresa a súa intención de continuar participando nestas iniciativas e de explorar novas oportunidades de colaboración internacional.