Burela estreará un espectáculo de drons no acendido do alumeado de Nadal o 4 de decembro

AMariñaXa
A programación comezará ás 17:00 horas na Praza do Concello con actividades infantís, música e chocolate quente
BURELA-mercado-de-nadal-2024-1
20 Nov 2026

Burela celebrará o venres 4 de decembro o acendido do alumeado de Nadal baixo o lema "Burela dá luz ao Nadal", cunha tarde de actividades para todos os públicos e unha importante novidade: por primeira vez, o acto incluirá un espectáculo de drons. O Concello aposta este ano por unha iluminación renovada, con deseños modernos e innovadores, e por incorporar novas propostas á programación destas festas.

As actividades comezarán ás 17:00 horas na Praza do Concello cunha sesión de pintacaras infantil, o pasarrúas de The Magic Brothers Big Band e unha chocolatada a cargo das Chocolateiras. Ás 19:00 horas terá lugar o acendido oficial das luces, acompañado do espectáculo de drons, que combinará iluminación, tecnoloxía e creatividade nunha proposta visual diferente.

A programación continuará ás 20:00 horas na Praza da Mariña coa actuación de COVAROCK, organizada pola asociación Cova do Can.

O acto de acendido contará tamén coa participación do grupo de maiores de Cruz Vermella, que está preparando unha coreografía de Nadal e unha panxoliña para compartir coa veciñanza.

A concelleira de Festas e Festexos, Patricia Eijo, explicou que o espectáculo de drons pretende ofrecer "unha experiencia visual diferente e sorprendente". Segundo sinalou, desde a área municipal queren seguir incorporando novidades e mellorando a programación cada ano, pero mantendo a esencia destas celebracións, baseada na participación, a convivencia e a ilusión de compartir momentos especiais.

Eijo animou a veciñanza e as persoas que queiran visitar o municipio a achegarse o 4 de decembro para gozar dunha tarde de actividades e celebrar o inicio do Nadal en Burela. A edil destacou que o obxectivo é que o municipio brille non só pola iluminación, senón tamén pola vida e o ambiente que estas festas xeran nas rúas.

0.1339328289032