Burela estrea un espazo para previr a soidade non desexada entre adolescentes

AMariñaXa
Arraianas e o Concello poñen en marcha este 15 de outubro o Espazo Zero na Casa da Xuventude, unha iniciativa que busca favorecer o benestar emocional e o apoio entre iguais
Casa_concello_Burela
12 Oct 2026

A Casa da Xuventude de Burela contará desde este xoves, 15 de outubro, co Espazo Zero, unha proposta impulsada pola asociación Arraianas en colaboración co Concello para previr a soidade non desexada e o suicidio entre adolescentes.

A actividade pretende ofrecer á mocidade un lugar seguro no que expresar como se sente, conversar, compartir experiencias e pasar tempo con outras persoas da súa idade nun ambiente de confianza.

O Espazo Zero forma parte do programa Candea, centrado na prevención da soidade non desexada e do suicidio entre as persoas maiores de 65 anos e os menores de 18, así como no acompañamento a familiares e persoas achegadas de quen faleceu. A iniciativa conta co apoio da Consellería de Sanidade e do Ministerio de Sanidade do Goberno de España.

O tenente de alcaldesa e responsable da área de Xuventude, Mario Pillado, salientou que este recurso permitirá á mocidade de Burela dispor dun lugar onde facer unha pausa, falar das súas emocións e apoiarse mutuamente. Ademais, agradeceu o traballo da asociación Arraianas e animou os adolescentes a achegarse á Casa da Xuventude para participar na actividade.

As persoas interesadas en asistir ou recibir máis información poden chamar ao 698 183 167 ou escribir ao correo electrónico candea@arraianas.org.

0.1585738658905