Burela enche as rúas de propostas pola Semana Europea da Mobilidade

AMariñaXa
A programación reúne andainas, educación viaria, préstamo de bicicletas eléctricas, xogos, música e o reto "Walking Challenges", ademais dun "paso de vaca" para achegar o rural á vila
semana-mobilidade-burela
16 Sep 2026

Burela iniciou este mércores 16 de setembro a súa programación da Semana Europea da Mobilidade 2026, unha iniciativa que se prolongará ata o martes 22 cunha ampla variedade de propostas destinadas a fomentar os desprazamentos a pé e en bicicleta, recuperar as rúas como espazos de convivencia e concienciar sobre alternativas máis sostibles ao vehículo privado.

"Un ano máis sumámonos a esta iniciativa europea para promover un modelo de mobilidade urbana sostible que priorice o peonil, o uso da bicicleta e unhas rúas pensadas para todos e todas", destacou a alcaldesa, Carmela López.

A concelleira responsable da aula Gaia, Lina Gómez, agradeceu tamén a colaboración das persoas e colectivos que participaron na elaboración do programa e puxo especialmente en valor o labor das monitoras de Gaia, encargadas da organización da semana.

As actividades arrancaron este mércores con propostas vinculadas aos desprazamentos aos centros educativos baixo os lemas "Eu, a pé ao cole" e "Andando ao cole", ademais de obradoiros de Educación e Seguridade Viaria, xogos Kahoot para escolares, bordado na rúa e ensaios abertos de agrupacións locais.

A programación continuará o xoves con contos e manualidades de educación viaria, bordado na rúa e unha actividade de iniciación á carreira no paseo da Marosa. O venres celebrarase unha andaina saudable, mentres que entre as 10.00 e as 13.00 horas se instalará na Praza do Concello o posto informativo da campaña "Despois do pis... un chis", na que se repartirán botellas para facilitar a limpeza dos ouriños dos cans. A xornada completarase con ximnasia rítmica, música e unha ruta nocturna con saída da Praza da Mariña.

A fin de semana terá un peso destacado dentro do programa. O sábado e o domingo haberá préstamo de bicicletas eléctricas, xogos e manualidades con Gaia, ademais de música, chocolatada e xadrez na rúa. O domingo 20 celebrarase tamén o "Día sen coches", con peche ao tráfico entre as 8.00 e as 21.00 horas das rúas Curros Enríquez, Manuel Murguía —entre Pardo Bazán e Manuel Muguía— e Emilia Pardo Bazán.

O luns 21 será a quenda da Ximnasia Activa e dos circuítos de Educación Viaria, mentres que o martes 22 concentrará boa parte das actividades de peche. Entre elas estará a instalación, ás 13.00 horas no parque Rosalía de Castro, dun "paso de vaca" da Casa Grande de Xanceda, unha proposta coa que se pretende dar visibilidade ao medio rural. Durante toda a xornada tamén haberá xogos, degustacións, bolillos na rúa e diferentes circuítos de educación viaria.

Outro dos eixos da semana será o desafío "Walking Challenges". As persoas participantes poderán rexistrar entre o 16 e o 22 de setembro os pasos realizados mediante unha aplicación móbil ou un reloxo intelixente. O martes, ás 19.30 horas, deberán presentar o resultado na Praza do Concello e quen acumule o maior número de pasos recibirá un agasallo sorpresa.

Con esta programación, Burela combinará durante sete días mobilidade sostible, actividade física, educación, lecer e participación cidadá, levando boa parte das propostas ás rúas e prazas da vila.

0.15592217445374