Burela deseña a súa programación do 25N centrada na educación e a implicación veciñal contra a violencia machista

O Concello de Burela, a través da Concellería de Igualdade, deu a coñecer a súa programación de actividades con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A iniciativa combina tres liñas de traballo: a sensibilización social, a educación nos centros escolares e a implicación directa da cidadanía.
Entre as citas previstas figura unha andaina popular o día 22, actividades dirixidas ao alumnado dos centros educativos do municipio e, como peche, un acto central o propio 25 de novembro no que se dará lectura ao manifesto institucional.
A concelleira de Igualdade, Sandra Fernández, defendeu que esta data debe ir máis alá do seu carácter simbólico. “Dende a Concellería de Igualdade queremos que o 25N sexa moito máis ca unha data sinalada no calendario”, sinalou, lembrando que a violencia machista “segue sendo unha realidade que nos afecta como sociedade” fronte á que, no seu xuízo, non cabe a indiferenza.
Un dos aspectos que o goberno local quixo reforzar este ano é o papel activo da poboación burelense. Segundo explicou a edil, tanto a andaina como o acto do 25 de novembro buscan contar coa implicación de asociacións e entidades do municipio, ao entender que a loita contra a violencia de xénero “non é responsabilidade exclusiva das institucións”, senón un compromiso compartido polo conxunto da sociedade.
A programación outorga tamén un peso destacado ao labor preventivo entre os máis novos. A concelleira incidiu na importancia de seguir traballando coa infancia e a adolescencia, promovendo dende idades temperás vínculos baseados no respecto, na igualdade e na liberdade. Con ese fin, deseñáronse actividades para os centros educativos adaptadas ás distintas franxas de idade, orientadas a que o alumnado reflexione sobre estereotipos, desigualdades e as diferentes formas que pode adoptar a violencia machista.
Fernández pechou a súa intervención cun chamamento á participación veciñal, convidando especialmente a sumarse á andaina do día 22 e á lectura do manifesto do 25 de novembro. A edil expresou o seu desexo de que Burela volva amosarse como unha vila comprometida coa igualdade, o respecto e o dereito das mulleres a vivir libres de medo.