Burela dedica unha semana aos dereitos da infancia e da adolescencia con actividades e formacións

AMariñaXa
A programación desenvolverase do 19 ao 23 de outubro e inclúe xogos na praza do Concello, unha mesa redonda sobre educación sen discriminación e un concerto do grupo adolescente Blood Skeleton
presentacion-Semana-da-Infancia-Burela-2026
15 Oct 2026

Burela celebrará do 19 ao 23 de outubro a II Semana da Infancia e Adolescencia, unha iniciativa que busca promover os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes a través de actividades educativas, lúdicas e formativas. A proposta tamén pretende dar visibilidade ao recoñecemento da localidade como Cidade Amiga da Infancia e avanzar na renovación desta distinción.

A programación dá continuidade ao proxecto iniciado en 2025 no seo da Mesa Técnica da Infancia, que propuxo reservar unha semana cada ano para abordar os dereitos da infancia e da adolescencia. Nesta segunda edición, as actividades xirarán arredor do bo trato, a igualdade, a saúde, a diversidade e o xogo, con propostas destinadas tanto aos menores como a diferentes colectivos profesionais.

Durante todas as tardes da semana, a praza do Concello disporá de xogos de mesa, unha mesa de ping-pong e unha máquina recreativa retro para o uso dos nenos, nenas e adolescentes. Ademais, o mércores 21 pola mañá, o alumnado do CEIP Vista Alegre visitará os murais da Confraría de Burela.

A programación inclúe tamén unha formación impartida pola Asociación Alborada de Vigo, prevista para o venres pola mañá no salón de plenos e dirixida a profesionais da psicoloxía que traballan coa infancia e a adolescencia.

Un dos principais actos será a mesa redonda "Educación sen Discriminación", que se celebrará o xoves 22 de outubro ás 19.00 horas. Participarán Ana Vasco, fiscal especializada en delitos de odio; Pablo Cando, xefe do GIC de Lugo e responsable tamén desta área delituosa; Emma Velo, da asociación Ecos do Sur; e Pilar Fernández, de Arraianas.

Como actividade complementaria, o xoves 15 de outubro proxectarase no Auditorio da Casa da Cultura o documental "Palestina, una tragedia permanente".

A semana rematará o venres 23 ás 19.00 horas cun acto de clausura no parque Rosalía de Castro, coa participación da alcaldesa, Carmela López, e do tenente de alcaldesa e concelleiro de Educación e Mocidade, Mario Pillado. O peche contará cun ensaio aberto da Escola de Música e coa actuación de Blood Skeleton, un grupo adolescente.

Desde o Concello agradecen a colaboración do persoal municipal, especialmente de Noelia Legazpi, educadora familiar, e Jaime Méndez, técnico de Mocidade, así como a implicación dos centros educativos de primaria e secundaria e dos profesionais que participarán nas distintas actividades.

PROGRAMACIÓN

Luns 19

  • 10:00 e 12:00 Xincana con Raquel Quizás para alumnado de primaria nos centros de primaria.
  • 10:00 e 12:00 “Novas masculinidades” con Jorge García Marín, para alumnado de secundaria, nos centros.
  • 10:00 Xogos tradicionais coa Moncloa e Batuko Tabanka no CEIP Vista Alegre.

Martes 20

  • 10:00 e 12:00 Autocuidado e prevención do bullying con Arraianas nos centros de primaria.
  • 10:00 Prevención do suicidio con Arraianas no Monte Castelo.
  • 10:00 e 11:00 Xogos interxeracionais cos grupos de ximnasia activa do Concello de Burela para os centros de primaria na Praza de Abastos.

Mércores 21

  • 10:00 Obradoiro de títeres con Tom Arenas para CEIP Os Castros na Praza da Mariña.
  • 12:00 Obradoiro de títeres con Tom Arenas para CEIP Vista Alegre na Praza da Mariña.
  • 10:00 Xogos tradicionais coa Moncloa e Batuko Tabanka no CEIP Os Castros.

Xoves 22

  • 10:00 e 12:00 Mesa redonda “Educación sen discriminación” con Ecos do Sur e a Garda Civil nos centros de secundaria.
  • 12:00 Xogos con Aula Gaia no CEIP Os Castros.
  • 19:00 Mesa redonda “Educación sen discriminación” con Pablo Cando da Garda Civil, Ana Vasco da Fiscalía de Lugo, Emma Velo de Ecos do Sur e Pilar Fernández de Arraianas.

Venres 23

  • 12:00 Xuntanza interxeracional coa Cruz Vermella e centros de secundaria na Praza da Mariña.
  • 10:00 Formación para profesionais que traballan coa infancia e adolescencia coa Asociación Alborada no salón de plenos.
  • 19:00 Clausura – ensaio aberto da Escola de Música e concerto de Blood Skeleton en Parque Rosalía de Castro.
0.15785503387451