Burela dá voz á infancia no seu segundo pleno infantil

AMariñaXa
A sesión enmarcouse na programación do Día Mundial da Infancia e no 80 aniversario de UNICEF
Pleno-Infantil-Burela-2026-dia-infancia
19 Nov 2026

O Concello de Burela celebrou o seu II Pleno Infantil, unha iniciativa coa que busca incorporar a opinión dos máis novos á vida municipal e ofrecerlles un espazo para expresar as súas propostas. A sesión desenvolveuse como parte dos actos polo Día Mundial da Infancia, que se conmemora mañá, 20 de novembro, e coincide este ano co 80 aniversario de UNICEF.

No encontro participaron representantes dos catro centros educativos da localidade: os institutos O Perdouro e Monte Castelo e os colexios Os Castros e Vista Alegre. O alumnado preparou diferentes presentacións nas que compartiu reflexións sobre os dereitos da infancia e cuestións que afectan directamente aos nenos, nenas e adolescentes.

Unha das intervencións máis destacadas foi a dos representantes dos dous institutos, que deron a coñecer a versión adaptada ao público infantil do Plan de Infancia e Adolescencia do Concello de Burela, un documento que elaboraron de maneira conxunta. Pola súa banda, os escolares dos CEIP Os Castros e Vista Alegre centraron as súas exposicións na traxectoria de UNICEF ao longo dos seus 80 anos e na protección dos dereitos da infancia.

A sesión permitiu que os participantes trasladaran as súas inquedanzas e achegas nun espazo de diálogo e participación pensado para que as novas xeracións teñan presenza nas decisións e iniciativas que lles afectan.

A alcaldesa, Carmela López, felicitou o alumnado polo nivel dos traballos presentados e pola súa implicación. A rexedora salientou a importancia de coñecer directamente as opinións dos máis novos e considerou que as súas achegas demostran que teñen moito que dicir e que deben contar con espazos nos que ser escoitados.

Tamén o primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Educación e Xuventude, Mario Pillado, puxo en valor a colaboración dos centros educativos e do profesorado. Segundo destacou, a súa participación resulta fundamental para desenvolver propostas deste tipo, que permiten dar protagonismo á infancia e á adolescencia e ter en conta as súas ideas na actividade municipal.

0.15239381790161