Burela crea unha playlist para poñer banda sonora á súa diversidade cultural

AMariñaXa
O Recuncho Multicultural reúne cancións propostas por asociacións e colectivos da vila nunha selección aberta a novas achegas da veciñanza
BURELA-Rincon-Multicultural-xullo-2025
21 Jul 2026

A diversidade cultural que caracteriza a Burela tamén se expresa a través da música. Co obxectivo de visibilizar esa riqueza e convertela nun espazo compartido, o Recuncho Multicultural do Concello de Burela impulsou a creación dunha playlist colaborativa que recolle parte dos sons e ritmos presentes na vida diaria do municipio.

A selección musical estará dispoñible nun apartado específico da páxina web municipal e nace da participación de asociacións e colectivos locais, que achegaron temas representativos das diferentes culturas que conviven na vila. O resultado é un percorrido musical no que se mesturan artistas galegos con propostas chegadas doutros países, reflectindo a pluralidade social que define a realidade burelá.

Entre os nomes incluídos na playlist figuran intérpretes galegos como Ortiga, Fillas de Cassandra, Tanxugueiras, Baiuca, Xabier Díaz ou Leilía, xunto con pezas procedentes de países como Cabo Verde, Senegal, Perú ou Marrocos, entre outros. A iniciativa pretende ofrecer unha mostra da diversidade musical existente no municipio e favorecer o coñecemento mutuo a través da cultura.

Na elaboración do listado participaron entidades como ACM Arume, Raíces Peruanas, ASPEBU, ACM Dambara, o grupo Batuko Tabanka, DJ Senín e o propio Concello de Burela, que contribuíron coa selección das cancións que consideran máis representativas das distintas comunidades presentes na localidade.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, sinalou que esta proposta "é un paso máis dentro do traballo que estamos desenvolvendo dende o Recuncho Multicultural para dar visibilidade á diversidade cultural de Burela tamén a través da música". Ademais, destacou que o proxecto foi posible grazas á implicación das asociacións e colectivos, cuxas achegas permitiron confeccionar unha selección que representa a pluralidade cultural do municipio.

A iniciativa permanece aberta á participación cidadá. Tanto particulares como entidades poderán propoñer novas incorporacións á playlist, ben de forma presencial ou mediante o correo electrónico habilitado polo Concello. Desde o Goberno local agradeceron a colaboración de todas as persoas e colectivos participantes e animaron á veciñanza a seguir ampliando este proxecto colectivo con novas propostas musicais.

0.1222779750824