Burela crea un carné para as persoas que alimentan as colonias felinas

AMariñaXa
As persoas autorizadas recibirán tamén un kit e colaborarán co Concello e coa Protectora Bigotes no seguimento, alimentación e control dos gatos comunitarios
BURELA----COLONIAS-FELINAS-2026
2 Sep 2026

O Concello de Burela pon en marcha un novo carné destinado ás persoas que alimentan e coidan as colonias felinas do municipio. A medida pretende organizar este labor, recoñecer o traballo voluntario que moitas persoas realizan desde hai anos e incorporalas de maneira coordinada á xestión e control dos gatos comunitarios.

A iniciativa é unha das primeiras actuacións derivadas do novo Plan de Control e Xestión Ética de Colonias Felinas Urbanas, aprobado definitivamente mediante Decreto de Alcaldía o pasado 27 de xullo e publicado no Boletín Oficial da Provincia o 3 de agosto.

Os novos carnés serán persoais e estarán numerados, permitindo identificar a colonia coa que colabora cada persoa. Para obtelos será necesario presentar unha solicitude no Rexistro Municipal. O formulario estará dispoñible no departamento de Información do Concello e tamén poderá descargarse da web municipal para tramitalo de maneira telemática a través da sede electrónica.

Unha vez completado o procedemento, o Concello contactará coas persoas solicitantes para entregarlles tanto a acreditación como o correspondente kit de alimentador ou alimentadora.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, subliña a importancia das persoas que diariamente están pendentes destes animais, xa que son "as que mellor coñecen o día a día de cada colonia". Esta presenza continuada permite saber que gatos forman parte de cada grupo, detectar rapidamente novas incorporacións ou advertir da existencia de animais enfermos ou feridos.

Tamén desempeñan un papel relevante á hora de facilitar as capturas para as esterilizacións e realizar posteriormente o seguimento dos exemplares. "A presenza diaria nas colonias convérteas nos ollos sobre o terreo e permite ter información que sería imposible obter doutra maneira", sinala López.

A obtención do carné implicará, á súa vez, o compromiso de respectar unha serie de pautas comúns. Entre elas figuran proporcionar auga limpa e fresca, utilizar preferentemente penso seco, manter en boas condicións de limpeza a zona de alimentación, establecer horarios regulares e evitar deixar vísceras ou outros restos orgánicos.

Segundo a rexedora, trátase de "acompañar e facilitar o traballo das persoas que xa están implicadas", pero tamén de establecer criterios que permitan facer compatible o benestar dos animais coa limpeza dos espazos públicos e a convivencia coa veciñanza.

Control da poboación mediante o método CER

O sistema de acreditacións intégrase nun plan máis amplo co que o Concello busca identificar e realizar un seguimento das colonias, controlar a súa poboación e establecer condicións adecuadas de alimentación e hixiene.

Un dos seus principais instrumentos será o método CER, baseado na Captura, Esterilización e Retorno. Os gatos comunitarios son capturados para esterilizalos e, posteriormente, regresan á súa colonia de orixe, onde permanecen baixo control. A medida permite reducir progresivamente a reprodución e evitar un incremento descontrolado do número de animais.

"Xestionar unha colonia non significa simplemente alimentar os animais, significa coñecelos, controlalos, esterilizalos, detectar novas incorporacións, atender posibles problemas e facer un seguimento continuado", explica a alcaldesa.

Neste modelo terá tamén un papel destacado a Protectora Bigotes, que xa colabora co Concello na atención dos animais e nas actuacións relacionadas coas colonias felinas. López considera que a experiencia da entidade, xunto co coñecemento das persoas alimentadoras, permitirá reforzar unha rede de cooperación na que cada parte asumirá unha función.

A alcaldesa agradeceu o traballo que realizan durante todo o ano tanto a Protectora Bigotes como as persoas alimentadoras e voluntarias, en moitos casos dedicando de maneira desinteresada parte do seu tempo ao coidado dos gatos.

Co desenvolvemento do Plan, os novos carnés e kits e a coordinación entre Concello, protectora e voluntariado, o goberno local pretende avanzar cara a un modelo de xestión das colonias felinas baseado no control da poboación, o benestar animal, a hixiene dos espazos públicos e a convivencia.

0.15556406974792