Burela convoca unha nova edición do certame infantil de narración e debuxo das Letras Galegas

AMariñaXa
Baixo o lema “Medrar lendo”, a iniciativa promove a creatividade e o hábito lector entre a mocidade do municipio
Casa_concello_Burela
28 Apr 2026

O Concello de Burela, a través da súa Biblioteca Pública Municipal, vén de abrir o prazo de participación para unha nova edición do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2026 na súa fase local, unha proposta cultural pensada para fomentar a creatividade e o gusto pola lectura entre a infancia e a xuventude.

Co lema “Medrar lendo”, o certame pretende convidar ás persoas participantes a reflexionar sobre o papel da lectura como ferramenta fundamental para interpretar a realidade, desenvolver a imaxinación e acompañar o proceso de crecemento persoal.

A convocatoria está dirixida a menores de ata 16 anos, que poderán presentar os seus traballos tanto na modalidade de narración como na de debuxo. Co fin de adaptar a participación ás diferentes idades, establécense tres categorías: ata 8 anos, de 9 a 11 e de 12 a 16 anos.

O prazo para a entrega das obras permanecerá aberto ata o vindeiro 11 de maio, e as propostas deberán presentarse nas instalacións da Biblioteca Pública Municipal de Burela.

As creacións seleccionadas nesta fase local pasarán posteriormente á fase provincial do certame, organizada pola Biblioteca Pública de Lugo e patrocinada pola Xunta de Galicia, onde competirán con traballos doutros puntos da provincia.

Desde o Concello destacan que esta iniciativa contribúe a reforzar o vínculo entre a cultura e a educación, ao tempo que ofrece á mocidade un espazo para expresarse a través da escrita e da creación artística.

0.12470889091492