Burela contará cun club de atletismo local

TerraChaXa | AMariñaXa
14 Feb 2019

O concelleiro de Deportes de Burela, Ramiro Fernández Rey, participou nunha reunión co presidente e co vicepresidente da Federación Galega de Atletismo e corredores locais para falar da creación dun club de atletismo na localidade. O edil mostrou a súa satisfacción porque en breve poida poñerse en marcha este proxecto.
Ramiro Fernández Rey explicou que “mantivemos unha xuntanza no Concello, que vimos buscando desde fai tempo, co presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, máis co vicepresidente, Suso Vázquez Tallón, xunto con corredores de Burela que estaban interesados en crear un club de atletismo aquí”.
O edil subliñou que “é un tema co que levamos traballando desde fai tempo. A verdade é que era un obxectivo que nos tíñamos marcado na Delegación de Deportes posto que vemos que os atletas, que están correndo por aí as carreiras populares, alí onde compiten son un referente no atletismo da Mariña. A verdade é que era unha cousa que queríamos que aquí en Burela tamén houbera un club de atletismo que puidera canalizar toda esta xente que está practicando atletismo, que non tiveran que irse a outros clubs ou a outras localidades da Mariña a practicar este deporte”.
O concelleiro de Deportes dixo que “no día de onte demos un paso importante, creo que o paso definitivo para a creación dese club. Desde o Concello xa lles manifestamos na propia reunión que van ter todo o apoio necesario para que este proxecto saia adiante, e xa vimos que hai xente interesada en crear esa directiva. Marcámonos un prazo duns quince días para decidir quen vai formar parte da mesa, e como van ser os primeiros pasos a dar nese novo proxecto”.
Fernández Rey quixo “agradecer enormemente a presenza aquí do presidente da Federación Galega de Atletismo, que tamén mostrou o seu apoio total a este novo proxecto. Xa digo que era un obxectivo que nos tíñamos marcado desde fai tempo, que por fin se deu cumprido, polo cal nos sentimos moi satisfeitos. Na reunión tamén estivo o técnico de deportes do Concello de Burela, Lucas. E quero reiterar que o Concello mostrou todo o seu apoio a esta nova iniciativa, que vai estar aí apoiando a creación deste club. Esperamos que en breve poida ser unha realidade e poidamos converter a Burela nun referente no atletismo de toda a Mariña”.

0.19964289665222