Burela contará con 20 novos locais sociais
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar coa Alcaldesa de Burela e Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, un convenio por importe conxunto de 123.000 euros para colaborar no acondicionamento das antigas vivendas de profesores e habilitalas como locais sociais. Mediante este acordo, a institución provincial achega 115.000 euros para esta actuación e o Concello os 8.000 euros restantes.
Concretamente, este investimento da institución provincial servirá para transformar cada unha das catro vivendas existentes na rúa das Escolas de Burela en cinco locais para asociacións e un aseo; polo que a actuación permitirá dotar dun novo local de reunión a 20 colectivos do municipio burelao.
Tomé Roca enmarcou esta colaboración na liña estratéxica do Goberno provincial para a cooperar cos 67 concellos da provincia. Valorou: “Esta dotación terá un impacto moi positivo no municipio, porque permitirá que os diferentes colectivos que participan na dinamización local desenvolvan as súas actividades nunhas mellores condicións”, incidindo na idea de que mellorar o espazo de traballo do tecido asociativo suporá contribuír á dinamización da vida social e cultural de Burela.
Pola súa banda, Carmela López agradeceu a colaboración institucional da Deputación e destacou que en Burela hai preto dun cento de entidades e clubs polo que “este espazo é unha necesidade importante para impulsar e reforzar o seu labor”.
O proxecto de mellora destas antigas vivendas consistirá na retirada das carpinterías exteriores e interiores, demolición dos aseos e as cociñas actuais, reacondicionamento dos aseos, limpeza e pulido dos chans de terrazo, instalación dunhas novas carpinterías en PVC exteriores e varandas de aluminio, reinstalación eléctrica dos locais mediante canaletas exteriores, pintado interior, execución de novos accesos e melloras no illamento exterior dos inmobles.