Burela completa un mural de 1.300 metros cadrados que percorre a historia e os oficios do mar

A Confraría de Pescadores San Xoán Bautista de Burela xa loce o resultado final dos murais realizados en 2025 e 2026 dentro do proxecto ‘Pescarte: a prol da PESca Costeira ARTEsanal’. As intervencións, obra dos artistas locais Martín Lestao, Belén Mogo e Diego Domínguez, ocupan as paredes sur e oeste do edificio e completan un amplo percorrido visual arredor da historia mariñeira da localidade.
O conxunto alcanza preto de 250 metros lineais e uns 1.300 metros cadrados e, segundo destaca a propia confraría, converte a súa sede nun edificio completamente envolto por murais inclusivos vinculados ao patrimonio pesqueiro.
As pinturas funcionan como un relato da relación de Burela co mar. Nelas aparecen os diferentes oficios desenvolvidos por mulleres e homes, as artes tradicionais de pesca costeira artesanal, embarcacións e especies comercializadas na lonxa, ademais de episodios e símbolos ligados á identidade local.
Entre as escenas representadas figuran a construción do faro Pena Burela, a Virxe do Carme e San Xoán Bautista, así como o mascarón de proa do buque escola Juan Sebastián de Elcano. O mural reserva tamén un espazo para figuras vinculadas á memoria mariñeira burelesa, como as peixeiras Clara "A Labrega" e Pepa, e a mariñeira Elena.
MEMORIA DOS QUE NON VOLVERON
A intervención incorpora igualmente unha homenaxe aos mariñeiros que saíron ao mar e nunca puideron regresar, sumando así á vertente divulgativa unha dimensión de memoria e recoñecemento ás persoas que marcaron a historia pesqueira da vila.
Os murais forman parte dun proxecto máis amplo, Pescarte, de carácter bianual e composto por dez actividades desenvolvidas ao longo de 2025 e 2026. A iniciativa pretende divulgar a importancia da pesca costeira artesanal, recuperar e poñer en valor técnicas e oficios tradicionais e fomentar o coñecemento e consumo das especies capturadas de maneira sostible pola frota local.
Entre os seus obxectivos atópanse tamén favorecer o relevo xeracional, incrementar a participación da mocidade e das mulleres no sector, dar maior visibilidade ás profesionais vinculadas á actividade marítimo-pesqueira e recuperar o patrimonio cultural relacionado co mar.
O proxecto conta cun total subvencionado de 115.328,45 euros. Desa cantidade, o 70 %, 80.729,92 euros, está cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), mentres que o 30 % restante, 34.598,53 euros, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia.
A actuación recibiu resolución favorable da Consellería do Mar dentro das axudas para proxectos das estratexias de desenvolvemento local participativo aprobadas polo GALP A Mariña-Ortegal. Con esta iniciativa, a confraría busca tamén reforzar o seu papel como entidade dinamizadora e achegar a cultura mariñeira de Burela á cidadanía desde unha perspectiva accesible e inclusiva.