Burela celebrará a quinta Andaina contra a violencia de xénero este domingo

Burela volverá saír á rúa para manifestar o seu rexeitamento á violencia machista cunha nova edición da súa andaina reivindicativa. O Concello, a través do Centro de Información á Muller (CIM), organiza este domingo 22 de novembro a quinta convocatoria desta actividade, integrada na programación municipal polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A marcha partirá ás 11:00 horas da Praza do Concello, punto no que tamén finalizará. O percorrido será circular, cunha distancia de oito quilómetros e dificultade baixa, co propósito de facilitar a participación de persoas de todas as idades e condicións físicas.
A iniciativa conta coa colaboración de Pasada das Cabras e está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a través da Secretaría de Estado de Igualdade.
A concelleira de Igualdade, Sandra Fernández, destacou a continuidade dunha convocatoria que alcanza xa a súa quinta edición e que, segundo sinalou, cada ano reúne máis participantes. A edil considera que esta resposta evidencia a implicación da cidadanía na defensa da igualdade e animou a sumarse á actividade, lembrando que o importante é participar.
Pola súa banda, a alcaldesa, Carmela López, incidiu na necesidade de que a loita contra a violencia machista sexa unha responsabilidade compartida por toda a sociedade durante os doce meses do ano. Tamén valorou que propostas como esta permitan visibilizar publicamente o rexeitamento á violencia e amosar o compromiso de Burela.
A rexedora agradeceu o labor do CIM e a colaboración de Pasada das Cabras, ao tempo que convidou a veciñanza a participar na andaina deste domingo.